Tres limiaos fan a conta atrás para completar os 42 km da maratón de Oporto

atletas
Tres limiaos fan a conta atrás para completar os 42 km da maratón de Oporto

A cita é deportiva é este domingo día 8

O día que decidiron anotarse á maraton de Oporto sabían que por diante tiñan un reto importante pero cando unha afección se converte nunha paixón, todo esforzo é pouco.

Cristian Dalama de 27 anos, veciño de Sandiás, compaxina o seu traballo de garda civil co "running", dende que descubriu hai tres anos que saír a correr formaba parte da súa felicidade e foi grazas a seu pai. Bruno Feijoo de 31 anos e veciño de Xinzo é mecánico de coches. Fai catro anos deuse conta que tiña un vicio do que non pode desengancharse e ó cal dedica tres días á semana, correr. Roberto Feijoo de 40 anos, tamén é veciño de Xinzo e traballa como funcionario e se lle falamos de correr o sorriso debúxaselle na cara. Leva 14 anos saíndo a entrenar, dende que comezara a facelo co seu amigo Guillermo.

Xuntos viaxan cara Oporto para participar na décimo segunda maratón de 42 km con máis de 5.000 participantes. Os tres representan ó Club de Atletismo Limiactiva que definen como "unha gran familia". Levan meses preparándose para esta proba que terá lugar o domingo. Dietas especiais, máis días de adestramento e moito esforzo o que fixeron estes tres mozos para acudir á cita deportiva en Portugal. "Quero ser un dos atletas que crucen a liña de meta cun sorriso e vouno conseguir!Esta é a miña terceira maratón e quero facer marca persoal", sinala Bruno. "Espero ser un dos que chegue á meta, eso sería a miña gran satisfación, é a miña primeira maratón pero presinto que será a primeira de moitas", destaca Cristian. Logo temos a voz da experiencia de Roberto que acumula 26 maratóns nas súas pernas "tódolos anos fago algunha maratón en outono e teño claro que chegarei á meta... a veces penso que estaría mellor tomando un vermuth pero cando vexo a meta emociónome como se fose a primeira vez".

As palabras destes tres deportistas son sinónimo de enerxía e felicidade, é que os tres coinciden en que correr é sentir ledicia e liberdade.

Con ilusión, esforzo e preparación, así é como se presentarán na cidade portuguesa dispostos a cruzar a meta no Parque da Cidade do Porto.