Máis dun milleiro de ximnastas no X Torneo Internacional Ourense, a Provincia Termal

X-Torneo-Internacional-de-Ximnasia-Ourense-a-Provincia-Termal
Máis dun milleiro de ximnastas no X Torneo Internacional Ourense, a Provincia Termal

Desde mañá xoves e ata o domingo 60 clubs procedentes de diversos puntos da xeografía nacional, así como da Arxentina e Portugal

O pavillón de deportes Paco Paz reunirá desde mañá xoves, día 14, e ata o domingo 17 a un milleiro de deportistas que participarán no X Torneo Internacional Ourense, a Provincia Termal de ximnasia rítmica, organizado polo Club Marusia e a Deputación de Ourense coa colaboración da Xunta de Galicia. Os detalles desta cita foron presentados esta mañá no Pazo Provincial nun acto no que participaron o presidente provincial, Manuel Baltar; o tenente alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; o xefe territorial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; e a presidenta e mailo representante da directiva do club, Pilar Vázquez e Roberto Rodríguez.

ÁS -11.45 horas: Presentación do X Torneo Internacional Ourense, a Provincia Termal.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participa na presentación do X Torneo Internacional Ourense, a Provincia Termal. No acto tamén estará o tenente alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; o xefe territorial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez, e a presidenta e o representante da directiva do Club Marusia, Pilar Vázquez e Roberto Rodríguez.
Presentación do X Torneo Internacional Ourense, a Provincia Termal.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, Armando Ojea; o xefe territorial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez, e a presidenta e o representante da directiva do Club Marusia, Pilar Vázquez e Roberto Rodríguez.

Manuel Baltar remarcou o traballo e ilusión desenrolados na organización desta proba, incidindo na aposta da Deputación polo turismo deportivo: “Este torneo non é froito da casualidade. Son 1.100 deportistas que estarán aquí coas súas familias. É importante a nivel deportivo e tamén de visibilidade do territorio, cun evidente retorno turístico e económico”.

Pilar Vázquez puxo de relevo a importancia que adquiriu este torneo e que se reflicte no continuo aumento do número de inscricións, pasando dos 165 ximnastas na primeira edición (2011) aos 1.100 deportistas que participarán este ano. Destacou ademais a presenza de máis de 60 clubs procedentes de diversos puntos da xeografía nacional, así como da Arxentina e Portugal, con ximnastas pertencentes á selección española sénior e júnior e ao combinado portugués sénior absoluto.

Para a presidenta do Club Marusia, este torneo ten como obxectivos o fomento do deporte feminino, en particular da ximnasia rítmica, así como a apertura de liñas de colaboración con equipos rexionais, nacionais e mesmo internacionais desta disciplina. Pero tamén, subliñou, preténdese situar á provincia de Ourense e Galicia no primeiro plano deste deporte e, ademais, contribuír ao desenvolvemento económico do territorio ourensán impulsando o turismo deportivo.

As probas do X Torneo Internacional Ourense, a Provincia Termal de ximnasia rítmica comezarán o xoves, día 14, coa competición de conxuntos de nivel escolar e individuais de promoción e pre-base. O venres 15 será a quenda para os conxuntos de promoción e individual base e masculino. Na xornada do sábado participarán os conxuntos de copa base e individual absoluto e xa o domingo celebraranse as finais individuais e de conxuntos absolutas.

Novo sistema de cámaras do Paco Paz para a retransmisión dos eventos deportivos

Na súa intervención, Manuel Baltar lembrou que esta proba servirá para estrear o novo sistema automático de cámaras instalado pola Deputación dentro do Paco Paz, para retransmitir os eventos deportivos e impulsar o desenrolo tecnolóxico dos equipos ourensáns.

O pavillón xa conta cunha cámara panorámica 8K con catro lentes, que fai un seguimento automático mediante intelixencia artificial adaptándose ás particularidades de cada deporte que se practica no Paco Paz -fútbol sala, baloncesto, ximnasia, balonmán, hockey, voleibol…-; unha cámara robotizada para os primeiros planos e unha cámara nun fondo para enriquecer as retransmisións. Este novo sistema permitirá retransmitir en directo os eventos, reforzando a versatilidade do espazo e permitindo, ademais, a gravación dos adestramentos para a mellora dos deportistas locais.