Muíños acolleu a única “Gladiator Race” que se celebra este ano en España

Emma González na saída da Gladiator Race 2021
Muíños acolleu a única “Gladiator Race” que se celebra este ano en España
Reuniu onte sábado, a preto de 500 participantes procedentes de quince provincias españolas e do norte de Portugal

O complexo turístico do Corgo acolleu hoxe a única carreira de obstáculos desta modalidade deportiva que se celebra este ano en España, a “Gladiator Race”, organizada polo Inorde co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, que reúne nesta segunda edición a preto de 500 participantes procedentes de quince provincias españolas e do norte de Portugal. Os participantes tiveron a oportunidade de gozar dunha das probas máis espectaculares que se realizan ao longo do ano na provincia de Ourense ao mesturar deporte e aventura nunha contorna paisaxística e natural sen parangón como a que ofrece o municipio de Muíños.

A xerente do Inorde, Emma González, participou hoxe, xunto ao concelleiro de Muíños, Israel León, no corte de cinta na saída da “Gladiator Race” que é “a última proba que organizamos este ano, e que ao igual cas anteriores, demostra o potencial que ten a nosa provincia como destino de turismo deportivo”, dixo a xerente do Inorde.

Emma González na saída da Gladiator Race 2021

A colaboración entre o Inorde e a Axencia de Turismo de Galicia permitiu, que un ano máis, “puideramos realizar diversas actividades de dinamización turística na nosa provincia, atraendo a numerosos visitantes ao noso territorio e poñendo en valor os nosos recursos turísticos, naturais e patrimoniais”, salientou Emma González.

No marco deste convenio realizáronse ao longo do ano diferentes probas que “revalorizaron os recursos da nosa provincia influíndo positivamente no desenvolvemento económico e social sostible da provincia”, salientou a xerente do Inorde. Así mesmo, este tipo de actividades contribúen a “desestacionalizar a oferta turística, promocionar o noso potencial turístico a través do deporte e ser un pulo para os sectores económicos de proximidade”.

A “Gladiator Race” ofreceu nesta segunda edición un percorrido de algo máis de 6 quilómetros ao longo dos cales os participantes deberon superar 25 obstáculos que inclúen subir por pirámides, zonas de equilibro e moitas aventuras máis, que puxeron a proba a súa capacidade de superación. Ademais, ao longo da carreira tamén tiveron que esquivar a gladiadores, unhas das características singulares desta proba ao incluír actores que farán aínda máis duro o percorrido.

O 80% dos inscritos no evento deportivo participaron en grupos que tiveron que superar o alto nivel de esixencia da proba e demostraron o espírito de colaboración dos deportistas, ata o punto de que nun dos equipos figura un corredor que fará o circuíto en cadeira de rodas, axudado polos seus compañeiros.