Apertura das piscinas de Xinzo con nova imaxe e melloras

piscinas
Apertura das piscinas de Xinzo con nova imaxe e melloras
Mañá venres , con app para solicitar reserva e o control do aforo

As piscinas exteriores de Xinzo de Limia abrirán mañá pola tarde cunha imaxe renovada e máis facilidades. Non só para que os usuarios poidan moverse polas instalacións, que foron sometidas a diferentes traballos de acondicionamento, senón tamén para reservar a súa entrada de forma telemática. O Concello, a través da consellería de Deportes que dirixe Rafa Penabad, vén de poñer en marcha

unha app que permitirá controlar o aforo e facilitar este trámite a veciños e visitantes. Deste xeito, poden realizarse tamén os pagos dos pases e incluso reservas para distintas xornadas.

Esta aplicación gratuíta, que pode atoparse facilmente nas tendas de IOS e de Android dos dispositivos móbiles buscando por Xinzo de Limia, é de fácil manexo e só será necesario rexistrarse cun documento de identidade e un contrasinal para comezar a empregala. Os interesados poderán adquirir bonos ou entradas para diferentes xornadas, nas que se especifica o horario e o prezo dependendo de se o usuario é maior ou menor de 16 anos.

A normativa polo covid-19 non fará necesario acoutar parcelas nas piscinas exteriores este verán, se ben o executivo local quere extremar as medidas de seguridade e, a través desta aplicación, poderá realizar un seguimento máis exhaustivo do aforo.

SISTEMA DE COLARACIÓN AUTOMÁTICO

Para que as piscinas puidesen abrir mañá as súas portas ao público foi necesario levar a cabo un arduo traballo, que centrouse en mellorar a calidade da auga coa posta en marcha dun sistema de cloración automática e de control do PH que levaba anos sen empregarse. Tamén destaca a adquisición dun robot de última xeración que se encargará da limpeza dos vasos para que o seu mantemento sexa máis sinxelo.

Nesta liña de melloras tamén se substituíron os filtros de area e chaves de paso en mal estado, ademais de realizarse actuacións no sistema de aspiración. A impermeabilización é outro dos temas que preocupou ao executivo local, e traballouse no selado dos vasos para evitar que se produzan as perdas de auga. A imaxe das piscinas exteriores tamén mellorou considerablemente coa substitución das lousas deterioradas.