O pasado 24 de marzo, tivo lugar a presentación na Praza Ribeiriño de Ourense a segunda edición da carreira “Desafío 42”, unha das probas deportivas mais vistosas e esixentes de cantas se disputan na modalidade de running extremo.
O acto foi presentado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo alcalde do Carballiño, Arximiro Marrotes e os concelleiros de Deportes de Celanova e Xinzo de Limia, así como por Xosé Ramón Rey, coordinador da proba, e por Bernardino González, asesor de Deportes da institución provincial.
A proba celebrarase os días 11 e 12 de abril, percorrendo 21 quilómetros no municipio de Xinzo de Limia; 11 quilómetros no Carballiño, e 10 quilómetros en Celanova, tres carreiras que se disputarán en dous días conformando a distancia dunha maratón. Como novidade este ano establécese a modalidade por equipos.
Ademais de ser promovida pola Deputación de Ourense, conta coa colaboración da empresa Move. Os premios constarán de 3.000 euros así como trofeos e obsequios para os primeiros de cada categoría.
“Desafío 42” non só é un evento deportivo posto que tamén da a coñecer o patrimonio cultural ao percorrer varios concellos da provincia. É a ligazón entre deporte e cultura.
Para máis información e para realizar as inscricións os interesados poden consultar a web: http://desafio42.com