Preto de 400 deportistas de máis de 20 provincias protagonizaron a VI edición da “Ourense Strade Termal”

Entrega de premios da Ourense Strade Termal 2023
Preto de 400 deportistas de máis de 20 provincias protagonizaron a VI edición da “Ourense Strade Termal”

O ciclista da Limia Carlos Canal, quen con 20 anos de idade foi o ciclista máis mozo na pasada Volta Ciclista a España, apadriñou a proba

O Hotel Balnerario Caldaria de Lobios acolleu onte a saída da VI edición da “Ourense Strade Termal”, organizada polo Inorde co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, que estivo protagonizada por preto de 400 deportistas procedentes de máis de 20 provincias que gozaron do “sterrato” nesta proba única en Ourense.

Ourense Strade Termal 2023-1
Ourense Strade Termal 2023-1

Este evento deportivo atraeu, unha vez máis, a numerosos participantes de diferentes lugares da xeografía española e portuguesa, chegando a ser o 30% dos inscritos de fóra da Comunidade Autónoma, cunha importante presenza do país veciño, Portugal, e do País Vasco que xa son asiduos participantes a este evento.

Ourense Strade Termal 2023-3
Ourense Strade Termal 2023-3

O corte de cinta, que deu saída a esta emblemática proba, correu a cargo da xerente do Inorde, Emma González; da alcaldesa de Lobios, Mª Carmen Yáñez; do alcalde de Lobeira, Antonio Iglesias; da alcaldesa de Bande, Sandra Quintas; do concelleiro de Muíños, Israel León; do xefe da área provincial de Turismo en Ourense, Cecilio Santalices; e do director xerente do Grupo Caldaria, Javier Soto. Acompañados polo deportista da Limia Carlos Canal, quen con 20 anos de idade foi o ciclista máis mozo na pasada Volta Ciclista a España, apadriñou a proba.

A “Ourense Strade Termal” é “a primeira proba que abre o calendario de eventos deportivos que organiza o Inorde, en colaboración con Turismo de Galicia, para dar a coñecer os recursos turísticos da nosa provincia a través de eventos deportivos atractivos que contribúen á posta en valor do potencial dos territorios que os acollen”, explicou a xerente do Inorde, Emma González. Este ecosistema deportivo “atrae a visitantes que aprecian a oferta natural, termal, patrimonial e enogastronómica da nosa provincia xenuina”, engadiu Emma González.

Dous percorridos

Ourense Strade Termal 2023-4
Ourense Strade Termal 2023-4

A competición, que está dentro do Calendario Nacional da Real Federación Española de Ciclismo, ofreceu aos deportistas dous percorridos de gran esixencia física: o gran fondo de 115 quilómetros e cun desnivel de 1.950 metros, e un mini fondo de 75 quilómetros con 1.200 metros de desnivel acumulado.

A proba comezou no Balneario Caldaria de Lobios, tralo corte de cinta das autoridades asistentes, e o percorrido continuou por Entrimo, Lobeira, Bande -onde tivo lugar o primeiro avituallamento da proba, no quilómetro 40-, continuaron por Muíños e cruzaron a fronteira para chegar a Tourem, na Cámara Municipal de Montalegre. Tras facer o tramo pola zona portuguesa, os cicloturistas volveron a Muíños para acabar a ruta en Lobios.

Ourense Strade Termal 2023 - 2
Ourense Strade Termal 2023 - 2

Entre as novidades do percorrido deste ano é que se trata da edición con máis “sterratos”, en total 12 km de zonas de terra compactada, un dos principais atractivos para os que se anotan nesta proba, e ademais pasaron, por primeira vez, pola Aldea de Puxedo (Lobios), que se atopa no Parque Natural do Xurés sendo unha clara mostra da recuperación e posta en valor da historia e tradición dun pobo.

Os tres primeiros mellores tempos da proba na modalidade masculina foron Carlos Bustelo, Diego Fernández e Adrián González e na modalidade feminina foron Claudia García, Elba Vázquez e Liza Caballero (en ambos casos de primeiro ao terceiro posto).