A programación deportiva de verán gaña peso en Xinzo con novos torneos e propostas para a conciliación das familias

Presentación da programación deportiva para o verán 2023
A programación deportiva de verán gaña peso en Xinzo con novos torneos e propostas para a conciliación das familias

O Concello fai unha aposta polos deportes de raqueta coa creación do Torneo de Pádel Vila de Xinzo, que se suma ao de Tenis e ambos celebrarase no mes de xullo

A programación deportiva de verán de Xinzo de Limia achégase ao calendario con moitas novidades e a apertura do prazo de inscrición para as distintas actividades. O Concello, a través da concellería de Deportes, fai unha aposta decidida polo deporte base, para contaxiar a paixón polas diferentes disciplinas aos máis novos. Así, contémplase a categoría sub-14 ou sub-16 en torneos como o de Fútbol 7, o de Fútbol Sala Festas Santa Mariña ou os de Tenis e Pádel Vila de Xinzo. Este último súmase por primeira vez á programación. Tamén será novidade o Torneo de Fútbol 7 Piñeira Seca no campo do Touzal.

As propostas deportivas de verán comezarán co Torneo de Natación Concello de Xinzo, o 3 de xuño. O 16 de xuño haberá unha roda de capoeira e o 18 de xuño organizouse o Torneo de Baloncesto Vilas Internacional. Participarán máis de 30 equipos e 250 xogadores no de minibásket. O 20 de xuño arrancará o Xinzo Fit, unha proposta na que se unen deporte e saúde e que se repite un ano máis polo éxito colleitado noutras edicións. Ofreceranse actividades dirixidas como bailoterapia, pilates ou aeróbic, gratuítas e para toda a poboación. Desenvolveranse todos os martes e xoves a partir das 20.30 horas.

Tamén no mes de xuño, do 23 ao 27, programouse o Campus de Ximansia, ademais dos Campus de Fútbol e de Baloncesto. Ademais, para favorecer a conciliación familiar, o Campamento urbano arrancará o 3 de xullo en diferentes quendas.