miércoles. 06.07.2022

Remata a segunda edición da "Xurés Bike Tour"

Os gañadores absolutos da proba foron na categoría masculina Iván Raña (padriño da proba), na feminina foi Inma Pereiro; e na modalidade por parellas fixéronse co primeiro posto Delimiro Acevedo e Estefan González Expósito

a

200 participantes procedentes de 8 provincias disputaron a segunda edición da “Xurés Bike Tour” que organiza o Inorde co apoio de Turismo de Galicia. Este ano incrementouse o número de inscritos que puideron coñecer as paraxes naturais, paisaxísticas, así como a gastronomía da zona na celebración da Festa do Peixe de Bande (que se celebraba tamén este fin de semana), desta contorna ourensá e portuguesa do Xurés.

A segunda edición deste evento deportivo desenvolveuse en tres días (un prólogo e dúas etapas) rematando hoxe en Lobios tras percorrer os concellos de Lobeira, Bande, Muíños, Entrimo e cruzar ao país veciño ata Montalegre. Os gañadores absolutos da proba foron na categoría masculina Iván Raña (padriño da proba), na feminina foi Inma Pereiro; e na modalidade por parellas fixéronse co primeiro posto Delimiro Acevedo e Estefan González Expósito.

b

Nesta edición, disputaron as tres xornadas 150 persoas e máis de 50 fixeron só algunha etapa. En ambos casos puideron participar de xeito individual ou por parellas. Os participantes procederon fundamentalmente de Asturias, pero tamén de León, Cantabria, País Vasco, Madrid, Valladolid, e Portugal.

A provincia ourensá demostrou, unha vez máis, que é o escenario idóneo para acoller probas deportivas que contribúen a dinamizar social e economicamente os municipios polos que transita, sobre todo, con este tipo de eventos pensados non só con fins deportivos, senón para alongar a estadía dos turistas que nos visitan para que poidan coñecer os principais recursos de Ourense representados na marca turística “OU”: patrimonio, termalismo, natureza, e enogastronomía.