A UD Ourense sufre na Moreira para lle gañar ao Antela

IMG_8949
A UD Ourense sufre na Moreira para lle gañar ao Antela

O Antela mantivo á UD Ourense afastada da súa área con orde e xenerosidade na presión.

A Unión Deportiva Ourense derrotou con apuros ao Antela este pasado domingo. Con todo, se a vindeira xornada consegue superar ao Velle no Couto, poñerá os dous pés en Preferente.

Os unionistas foron pouco convincentes na Moreira e víronse esixidos, particularmente nas accións a balón parado, por un Antela que rebentou o contakilómetros. O primeiro tempo tivo pouca área e menos portería. Os equipos desgastáronse en conter e en facer rodar o balón con pouca profundidade sobre un céspede luxoso. O Antela mantivo á UD Ourense afastada da súa área con orde e xenerosidade na presión.

Os unionistas apenas puideron asociarse en campo local e os desprazamentos en longo ás ás non deron apenas froitos. Cara ao final do primeiro tempo chegaron as dúas opcións máis claras dos unionistas, ambas as abortadas polo asistente.

IMG_8956

O Antela foi o primeiro en tentalo ao regreso do vestiario. Outra vez Jony atopouse escorado ante Lucas Sierra, que nunha boa intervención desviou o remate a media altura.

Co partido en terra de ninguén, chegou o gol unionista. O Antela dáselle ben a Fran Martínez, que xa fora determinante no Couto. Na segunda xogada dun córner, recolleu o balón na área, virouse con moita cintura e puxo o remate cruzado fóra do alcance de Álex. O Antela acusou o golpe. Apareceron os espazos para Marcos Sotelo ou Xaco pola esquerda, aínda que faltou remate para sentenciar. Corbillón obtivo un córner coa súa persistencia e o mesmo rematouno fóra, entre exclamacións. Os de Julio Rodríguez rozaron o empate a balón parado, con algunha indecisión do porteiro e pouca resposta antiaérea da zaga.