Xa está en marcha a app "deportiva"

app reserva pistas
Xa está en marcha a app "deportiva"

As pistas de tenis e pádel xa se poden reservar a través da app que rexistra o aforo das piscinas municipais

Esta app gratuíta pode atoparse facilmente nas tendas de IOS e de Android dos dispositivos móbiles buscando por Xinzo de Limia

As piscinas exteriores de Xinzo de Limia abriron este verán cunha imaxe renovada e un novidoso servizo para reservar as entradas de forma telemática. O Concello, a través da consellería de Deportes que dirixe Rafa Penabad, puxo marcha unha app que permite controlar o aforo e facilitar este trámite a veciños e visitantes. Deste xeito, poden realizarse tamén os pagos dos pases e incluso reservas para distintas xornadas. Unha vez que se comprobou a utilidade do servizo, o executivo local vén de anunciar que xa se pode facer, a través desta aplicación, a solicitude do pase ás pistas de pádel e tenis, que tamén foron sometidas a obras de acondicionamento nos últimos meses.

Esta aplicación gratuíta, que pode atoparse facilmente nas tendas de IOS e de Android dos dispositivos móbiles buscando por Xinzo de Limia, é de fácil manexo e só será necesario rexistrarse cun documento de identidade e un contrasinal para comezar a empregala.

A aplicación permite solicitar o pase ás instalacións dedicadas aos deportes de raqueta, que foron sometidas a traballos de acondicionamento nos últimos meses

Os interesados en acceder ás piscinas exteriores poden adquirir bonos ou entradas para diferentes xornadas, nas que se especifica o horario e o prezo dependendo de se o usuario é maior ou menor de 16 anos. No caso das pistas de tenis e pádel, é posible reservar sesións dende primeira hora da mañá ata a noite.

A normativa polo covid-19 non fixo necesario acoutar parcelas nas piscinas exteriores este verán, se ben o executivo local quere extremar as medidas de seguridade e, a través desta aplicación, pode realizar un seguimento máis exhaustivo do aforo.

Aínda que polo momento só se poden reservar as pistas destinadas aos deportes de raqueta a través desta aplicación, ademais da entrada ás piscinas exteriores, o servizo podería extenderse a outras instalacións municipais. Trátase, en definitiva, de facilitar os trámites á veciñanza dunha forma sinxela e persoal.