Xinzo acolle a primeira xornada de 2ª Div. da Liga Galega de Fútbol Flag

cartel
Xinzo acolle a primeira xornada de 2ª Div. da Liga Galega de Fútbol Flag

O equipo limián, Antioquía Demons, será o anfitrión da xornada e estrenarase en competición oficial.

Este domingo día 19 de marzo dará comezo a Segunda División da IX Liga Galega de Fútbol Flag. Esta primeira xornada terá lugar no campo de fútbol J.A. Carrera de Xinzo de Limia, onde o conxunto limián, Antioquía Demons, será o anfitrión do día. A partir das 17:00 horas darán comezo os partidos entre os diferentes equipos que conforman o Grupo Sur desta división, nos que se atopan, a parte do bloque local, Vigo Guardians B, Morrazo Krakens e Piratas.

Antioquía Demons, pertencente ao Club de Fútbol Americano Antioquía-Limia, estrease nesta competición. Este conxunto é o primeiro e único da provincia de Ourense que participa na Liga Galega de Fútbol Flag. Ata o día de hoxe, a asociación limiá organizou diferentes campus de iniciación de fútbol americano, tanto na especialidade de tackle (con contacto) como na de flag (sen contacto).

Dende a asociación faise un chamamento para que aquel que o desexe se achegue o domingo ata o J.A. Carrera para animar aos Antioquía Demons no seu primeiro partido oficial, no que intentarán conseguir as súas primeiras vitorias.