lunes. 05.12.2022

Xinzo aposta polo turismo deportivo acollendo a Copa OCRA Galicia

O evento terá lugar en diferentes escenarios da vila como o Toural, a ribeira do río ou o casco vello, nun percorrido de 8 quilómetros para os adultos e outro adaptado dun quilómetro para os nenos e nenas
presentación
presentación

A primeira edición da Copa OCRA Galicia terá Xinzo de Limia como escenario. O evento deportivo celebrarase o 16 de abril e os detalles déronse a coñecer esta mañá nunha rolda de prensa á que asistiron a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama; o concelleiro de Deportes, Rafa Penabad; o presidente de OCRA Galicia, David Suárez; e os organizadores de O Camiño Race, Manu Blanco e Manu Fernández. Este último tamén é xerente de Fusion Fitness, un dos colaboradores xunto co Concello, a Deputación de Ourense, o Inorde e a Xunta de Galicia.

A Copa Ocra Galicia terá como epicentro o Parque do Toural, alternando a ribeira do río Limia cun trazado urbano polo casco vello que ofrecerá espectacularidade á proba. Serán 8 quilómetros de percorrido no   que os corredores deberán superar 30 obstáculos de diferente dificultade e alternando entre troncos, neumáticos, saltos de muros e pasos polo río, entre outros. Será unha proba moi atractiva para o corredor pola visibilidade dos diferentes obstáculos. Para os nenos crearase un circuíto alternativo dun quilómetro no Toural.

presentación2
presentación

O obxectivo deste evento é dar a coñecer este deporte de gran expansión na actualidade e facelo accesible a toda a poboación. Coroarase ao mellor corredor de OCR de Galicia, reunindo en Xinzo de Limia aos mellores corredores a nivel nacional.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, destacou o impulso que dará a proba ao turismo, polo gran número de persoas que visitarán o concello, dinamizando a economía local. Tamén subliñou a importancia de que poida participar toda a poboación, nenos e nenas, deportistas afeccionados e profesionais.

O presidente de OCRA Galicia, David Suárez, asegurou que Xinzo será o epicentro dunha disciplina que gaña adeptos e cunha proba da que sairán os campións a nivel galego. Tamén insistiu na repercusión que terá na economía: “Xinzo ten moito que ensinar e agardamos que durante toda a fin de semana o concello se encha de grupos e familias que participarán no evento e virán con gañas de coñecer a zona”.