Xinzo e Verín, unidos polo tenis

tennis 1
Xinzo e Verín, unidos polo tenis
Os rapaces das escolas deportivas de ambos concellos reuníronse na capital da Limia REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia Os rapaces que integran as escolas...

Os rapaces das escolas deportivas de ambos concellos reuníronse na capital da Limia

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

Os rapaces que integran as escolas deportivas de tenis de Xinzo e Verín reuníronse esta mañá grazas ao deporte na capital da Limia. E xa é a segunda vez. Hai un mes os limiaos visitaban a comarca do Támega co motivo das festas do San Lázaro, para enfrontarse aos pequenos tenistas verineses.

Desde as dez da mañá á unha, os vinte pequenos xogaron divididos en dúas categorías por idades, de seis a nove anos, e de dez a catorce. Así nolo contou Lucas Núñez, o adestrador responsable de que os nenos limiaos lle dean á raqueta. “Enfrontáronse todos contra todos e foi moi divertido, unha experiencia xenial na que os rapaces puideron coñecer nenos novos e pasar unha mañá fenomenal de sol”, explicábanos Lucas. Iso si, da rivalidade “ancestral” entre Xinzo e Verín, nin rastro: “Ao contrario, houbo moi ambiente, aínda son moi novos para ser conscientes desas cousas”.

Houbo tempo tamén para o avituallamento despois de xogar tantas horas e ao final da competición todos os participantes recibiron cadansúa medalla sen importar o resultado. As medallas correron da conta do Concello que tamén quixo colaborar con este “Encontro Amigable de Tenis entre Xinzo e Verín. Trala entrega de premios houbo sorteo de material deportivo proporcionado por unha tenda ourensá.

Chaves e Allariz 

Pero a cousa non ha quedar aquí nin moito menos. Segundo nos informou Lucas, as escolas deportivas de Xinzo e Verín xa planean poñerse en contacto cos veciños de Chaves e Allariz para poder ampliar a actividade. A idea sería “xuntarnos cada dous meses aproximadamente en cada vila para que os rapaces non soamente adestren, senón que tamén poidan competir”. Para o adestrador dos limiaos a creación desta pequena liga “é unha moi boa e interesante iniciativa, pois é unha motivación para os pequenos”. “Manter este tipo de convivencias permite aos xogadores comprobar se melloraron no seu xogo ou como é o nivel no resto das vilas”.