AGRELSAN, respondelle cun manifesto ao candidato do PP en Sandías

Alcalde Sandias
AGRELSAN, respondelle cun manifesto ao candidato do PP en Sandías

Tamén ao presidente do partido Manuel Baltar

A "Agrupación de electores de Sandias" AGRELSAN, respóndelle cun manifesto de 4 folios ás declaracións feitas, tanto polo candidato a alcaldía polo PP, como ao presidente provincial Manuel Baltar, na proclamación como candidato ás eleccións 2019.

O Sr. Candidato leva dende o 2007 no concello exercendo labores de goberno ata o ano 2015 e logo na oposición, e aspira a crear un goberno que escoite as demandas de todos os veciños e que teña en conta as súas propostas.

Que ben soa a súa proposta, pero pregúntome: ¿que fixo o Sr. Concelleiro e tenente alcalde ata este momento?: na súa etapa de goberno non escoitou a ninguén, gobernouse por decreto, e soamente foi un mero espectador da Sra. Alcaldesa, e non se moveu nin o mais mínimo, xa que se se movía, posiblemente non saía na foto, esperando sacar algún que outro rédito político como traballar en varios concellos sen haber pasado ningún tipo de oposición, ou sexa, a dedo.

Nos case catro que leva na oposición, non soubo facer outra cousa que votar en contra todos os proxectos que presentaba o equipo de goberno, proxectos que se levaban previamente á xunta de portavoces, que nesta lexislatura por certo, foi cando se creou e se fixo unha ordenanza do devandito órgano, porque este equipo de goberno trata de ser o mais democrático posible e darlle voz á oposición, (nos gobernos que participou vostede de maiorías absolutas, asoballaron e ríronse descaradamente da oposición soamente lle daban voz nos plenos, porque non lle quedaba outra).

Os gobernos do PP so escoitaban a quen lle parecía, o goberno de Agrelsan escoita a todos os veciños por igual, e iso é o que queren os veciños de Sandiás, xente cercana e que escoite.

Vostede durante estes anos na oposición non fixo unha soa proposta na xuntas de portavoces. As súas contestacións (a calquera proxecto do equipo de goberno), imos estudalo co noso grupo e xa falamos no pleno, e logo nos plenos chegaban e votaban en contra.

Di vostede que nesta lexislatura a forma de gobernar foi improvisada. Agrelsán levaba 17 puntos claros no seu programa electoral, na oposición non houbo ninguna planificación. A oposición está para facer unha política proactiva pero tamén para fiscalizar a acción da xunta de goberno pero con planificación. A suma de frases do candidato nos plenos criticando, demandando ou propoñendo pódense contar cos dedos dunha man.

Cando chegamos ao goberno fíxose unha valoración de como se atopaba o noso concello e fixémola o equipo de goberno non lle pagamos a ningunha empresa externa.

O concello atopábase en débeda.

A iluminación pública estaba totalmente deteriorada (cadros eléctricos que non cumpren a regulamentación, luminarias anticuadas, moitas delas apagadas por orde de vostedes.

Fosas sépticas na maioría das poboacións feitas un autentico desastre. Revisouse o estado de todas as pistas e camiños.

A partires deste estudo a maior parte do esforzo económico do concello e das subvencións solicitadas, empezámolo a destinar a esas partidas. Por senón o sabe, en que apoiou vostede a este equipo de goberno? en cancelar a débeda do concello, doutra banda, débeda que crearon vostedes.

Fixemos un proxecto de iluminación pública para reformar 250 puntos de luz e levar uns puntos de luz novos a veciños que non dispoñen de iluminación publica sendo un servizo fundamental. Que fixo vostede?: a “política de hamaca” so se dedicou a non propor nada e boicotear o máis posible

Construíronse fosas sépticas novas en Santa Ana e Zadagós, e arranxouse a de Cardeita, que vostede debería saber que as existentes non funcionaban e vertían directamente ás canles.

O TRACTOR DESBROZADORA DA FOTO DO SR. CANDIDATO

As pistas e camiños que comenta vostede, diremoslle que hai camiños e pistas que se limparon, que en democracia non se limparan nunca, iso denota o pouco que coñece o seu concello.

A súa inoperancia chegou a tal extremo que votou en contra nun pleno para dispoñibilidade de crédito para a compra dun tractor desbrozadora, e tivo o atrevemento de poñerse na foto cando nos entregaron ese tractor que vostede non quería que compraramos.

Fíxose un proxecto de asfaltado e limpeza de cunetas da pista ao nucleo de Cerredelo que fixo Vostede? Votar en contra.

Fíxose un proxecto de beirarrúa na estrada provincial que leva ao núcleo de Piñeira de arriba. Que fixo vostede?. Votar en contra.

A ANDAINA E TRAIL, O MAGOSTO E OUTRAS ACTIVIDADES LUDICAS

Actividades lúdicas coas que conta Sandiás. Direille que conta con bastantes actividades lúdicas, e por suposto que nos gustaría que contase con moitas mais e nesas andamos, realízase unha andaina e carreira de campo a través que xa lle gustaría a moitos concellos ter a participación que hai nela. Vostede non participou nunca e este equipo de goberno a leva a cabo coa solidariedade de moitos veciños que se senten moi orgullosos da mesma.

Celébrase un magosto popular todos os anos, non do PP nin de AGRELSAN, senón de todos os veciños no cal ten participado xente masivamente e este equipo de goberno traballa activamente co Sr. Alcalde á cabeza servindo aos seus veciños, non os veciños servindo ó Sr. Alcalde, como acontecía co anterior goberno do que vostede formaba parte.

Promovéronse obras de teatro, de maxia, de clown. Nas cales non vin en ningunha delas a vostede, nin a ningún concelleiro seu.

O PRESUPOSTO DO CONCELLO

Por suposto adaptándonos a un presuposto que sabemos ben cal é e para o que da, por certo, presuposto que aprobamos con dous anos seguidos con sendas mocións de confianza, xa que a súa idea era que estiveramos os catro anos de lexislatura sen aprobalo, e iso era bo para os veciños ¿nonsí?. Coido que iso non llo compra ninguén, era malo para o concello e tamén para os veciños, pero a vostede non lle importaba, o único que lle importaba era dinamitar a acción de goberno.

O MISTERIOSO CAMBIO DO CENTRO DE DÍA EN CENTRO SOCIAL

Fala vostede do centro social que non funciona adecuadamente, lle diremos que a primeira iniciativa que levou este grupo de goberno era poñer en valor o centro social e a casa dá lagoa. E vostede que fixo? Votar en contra. Tratar de dinamitar a iniciativa, que había que levala a cabo con persoal do concello sabendo vostede que iso non é viable nin técnica nin economicamente.

Porque non lle explica aos seus veciños, porque non levaron a cabo o centro de dia onde se atopa o centro social de Sandiás. Cando o proxecto que fixeron vostedes no seu dia, era para centro de dia non para centro social. Consultaron aos seus veciños?, Consultaron coa oposición de entón?. Publicárono a bombo e pratiño na prensa da época e despois fixeron o que lles deu a gaña.

A ATENCIÓN DOS NOSOS MAIORES

E aproveitando, como se atreve a dicir que “falta un verdadeiro compromiso político de atención a os maiores. Diso si que saben moito vostedes, utilizaron políticamente o servizo de axuda no fogar, cousa que nos nunca fixemos nin faremos. A primeira actuación de Agrelsan, foi dar servizo ós dependentes durante o fin de semana, cousa que vostedes non facían, sería que os fins de semana xa non eran dependentes, se pasamos de ter cinco asistentas de servizo no fogar, a ter dez, e así cubrir todas as horas de dependencia, vostedes non tiñan cuberto o servizo.

O COMPROMISO DO SR. CANDIDATO

E para terminar a súa presentación lévaa a cabo o presidente provincial do PP, que tamén é presidente da Excma. deputación de Ourense ( que é de todos os ourensáns non só do PP). Supoño que se dignaría preguntarlle se o equipo de goberno da corporación de Sandiás lle ten solicitado financiamento para levar a cabo proxectos nesta lexislatura, por se se lle esqueceu.

Lembrámosllo, presentámoslle moitos proxectos e algúns en colaboración con outras administracións, e que recibimos, nada (soamente os plans provinciais que destina a todos os concellos).

Por certo, falando de compromiso Sr. Candidato, ¿onde andaba vostede cando se retirou o Bus de ABANCA, cando se cambiou o servizo de BUS, nefasto para este e outros concellos, ...?. O seu compromiso consistiu en calar, non o vin sair á rúa a manifestarse nin protestar, ahh, claro, o que facía esas tropelías era o seu partido, e entón non podía dicir nada, se se move, xa sabe, non sae na foto.

CON RESPECTO Ó SR. PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN:

Di o Sr. Presidente: “terá ao seu carón un partido representado en tódalas institucións, que xa demostrou dabondo que cre nos concellos e no protagonismo de cada un deles no futuro da provincia”.

O compromiso de Xosé Manuel Baltar polo Concello, a súa lealdade, xa fallou dende o primeiro facebook do 17 de novembro do 2015 que publicou froito da primeira entrevista institucional co novo rexedor de Sandiás, Felipe Traveso. Finalizaba o seu mensaxe co hashtag #CreoenSandiás. A lealdade básica tense que traducir no principio de cooperación cos concellos. Aí é onde se traduce o municipalismo de que tanto fala, a marxe de cores políticos. É denunciable tamén a complicidade do PP de Sandiás (que preside o Sr. Candidato) ó calar ante o uso partidista da Deputación que prexudica ó municipio.

Fártase de dicir Xosé Manuel Baltar que “ a prioridade na miña axenda é escoitar a Alcaldesas e Alcaldes”; “onte e hoxe tiven a oportunidade de analizar as súas propostas. Chámase Cooperación, é á nosa bandeira”; “na era da intermunicipalidade, é necesario que as administracións camiñen xuntas”, etc... Claro que sí Sr. Baltar: que camiñen xuntas pero sen necesidade de que sexan do seu mesmo partido político, como vostede pretende, que todos sexamos do PP e, se non eres do PP, non hai cooperación, ¿así é como entende vostede a cooperación?.

Segue dicindo: “ Maio representa a oportunidade para voltar á senda do progreso nun concello sempre gobernado polo PP”. “Hai que cambiar a dirección do proxecto político do Concello e recuperar o tempo perdido”.

Sr. Baltar, a necesidade de cambiar a dirección do proxecto político e recuperar o tempo perdido xa a sentenciaron os veciños do Concello no 2015 despois de 36 anos de goberno do seu partido. Os veciños parece que non estiveron moi de acordo coa “volta a senda do progreso” que vostede e o candidato que apadriña, propoñen. Non parece que fose o seu goberno “un goberno que escoite a toda a veciñanza e as súas propostas comparta ou non as súas ideas”. Por iso perderon case que trescentos votos e o goberno do concello.

Menos “nominalismo”, D. Xosé Manuel Baltar. Compre que practique un “municipalismo inclusivo” e non un “municipalismo de cores políticos”. Si a súa bandeira política é a “cooperación”, o mellor que poder facer é pola en práctica cunha política (en maiúscula).