O BNG asume a dinamización do rural e frear a sangría demográfica como prioridades para os próximos anos

IMG_6024
O BNG asume a dinamización do rural e frear a sangría demográfica como prioridades para os próximos anos

Dende o BNG de Xinzo queremos empregar todos os recursos, competencias e capacidades ao alcance do Concello co propósito de frear a sangría demográfica e conseguir fixar poboación, especialmente no noso rural. Para cumprir este obxectivo presentamos unha serie de medidas co obxectivo de paliar esta dramática situación.

En primeiro lugar pularemos pola creación dunha Oficina da Vivenda Rural, que oferte un servizo permanente de asesoría xurídica e técnica para a adquisición e rehabilitación de vivenda nas nosas parroquias e aldeas aproveitando as subvencións de ámbito europeo, estatal e galego para esta finalidade, ademais de proporcionar información e asesoramento integrais para as persoas interesadas. Asemade, impulsaremos un Banco Público de Vivenda no rural, mediante as distintas fórmulas ao noso alcance, coma a compra-venda, permuta ou a cesión en aluguer público protexido. Todo isto co obxectivo de facer viábel o acceso á vivenda ás persoas e familias novas.

No tocante ao emprego, propoñemos a implantación dunha Oficina de Incorporación ao Sector Agrogandeiro, que en colaboración coa Oficina de Xestión Agraria e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), oferte información e asesoramento permanentes, centrados na incorporación ao traballo nos nosos sectores produtivos das mozas e mozos da comarca.

Tamén lembramos e recollemos para o noso programa a necesidade dun Servizo de Transporte Público de xestión municipal que vertebre o noso concello conectando o rural coa vila, unha proposta histórica do BNG de Xinzo que levamos reivindicado dende hai anos