O BNG de Xinzo empraza a un debate público e aberto de cara ao 26M

IMG_8633
O BNG de Xinzo empraza a un debate público e aberto de cara ao 26M

Fai unha proposta formal de celebración dun debate de alcaldábeis público e aberto.

Ramiro Rodríguez, candidato á Alcaldía do Concello de Xinzo polo BNG, fai unha proposta formal de celebración dun debate de alcaldábeis público e aberto.

Aínda sen se ter pechado o prazo oficial para a presentación de candidaturas para as vindeiras Eleccións Municipais do 26 de maio, o candidato nacionalista empraza desde o mesmo intre en que se abra oficialmente a campaña a todas e todos os cabezas de lista das candidaturas que opten ao goberno municipal de Xinzo, “confírmense estas en sete, oito ou dezaoito”, a debateren as ideas, os proxectos e as alternativas para Xinzo e o seu futuro.

Ante a ampla cantidade de listas municipais xa confirmadas, así como ante os milleiros de ruxe-ruxes, hipóteses e especulacións que no noso pobo se manexan sobre outras posíbeis candidaturas, o concelleiro e deputado provincial nacionalista manifesta que “no Bloque non precisamos maior definición de cal sexa finalmente o panorama de aspirantes. Temos a nosa folla de ruta cun rumbo, un proxecto e un programa claros e solventes. Emprazamos construtivamente a todas e todos os alcaldábeis confirmados e por confirmar a sentármonos e debatir con todas as garantías”.

Nese senso, Ramiro Rodríguez, manifesta que desexa e espera a colaboración de todos os medios de comunicación para a cobertura deste debate aberto “que é un exercicio democrático de indiscutíbel interese público que o pobo de Xinzo merece”. Agardamos a resposta positiva de todas as candidaturas e a asistencia de todos os medios. No BNG temos a man tendida e as ideas claras.