O BNG de Xinzo pechará a campaña cun acto festivo e cheo de simbolismo

xinzo-foto-candidatura-3512x2346
O BNG de Xinzo pechará a campaña cun acto festivo e cheo de simbolismo

O venres, 24 de maio, no XPazo (antigo Pazo das Meigas), ás 20:30

A candidatura do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo porá remate á campaña das Eleccións Municipais nun acto cargado de reencontros emotivos, contido político e ánimo festivo, que terá lugar este venres, 24 de maio, no XPazo (antigo Pazo das Meigas), ás 20:30 do serán.

En palabras do alcaldábel nacionalista, Ramiro Rodríguez, “sentímonos moi optimistas e moi agradecidas por todas as mostras de afecto e de confianza que a veciñanza nos está a transmitir durante estes días e queremos celebrar que falta menos para poder mudar o rumbo deste concello cun acto reivindicativo e festivo”.

Neste acto eleitoral de peche de campaña falarán Lucía Nóvoa, nº6 da lista, Gabriel Rodríguez, nº3, Alba Feixóo, nº2 e Ramiro Rodríguez, candidato á Alcaldía. Ademais destas intervencións, o BNG limiao contará coa presenza dun convidado moi especial, o ex-Vicepresidente da Xunta de Galiza, ex-alcalde de Allariz e membro da candidatura do Bloque alaricano, Anxo Quintana, que se achegará ata Xinzo para acompañar ás veciñas e veciños neste derradeiro día da campaña.

No Bloque temos demostrado que estamos feitas dunha pasta especial, resistimos aos momentos máis duros e agora somos unha forza en alza, cunha equipa humana incomparábel e comprometida que está preparada para ser o motor do cambio deste Concello.