Os candidatos ás primarias de En Marea preséntanse en Ourense

IMG_0804
Os candidatos ás primarias de En Marea preséntanse en Ourense

O Limián Iván Olmos aspira a ser o nº 1 ao Congreso

A candidatura ás primarias de En Marea por Ourense, O mar non ten cancelas, presentouse en sociedade na mañá de hoxe no Campus Universitario da cidade. Na presentación estiveron presentes boa parte dos membros da lista proposta para o Senado e o Congreso dos Deputados.

A candidatura O mar non ten cancelas aspira a conseguir unha representación “digna e sen tutelas” no Congreso e no Senado para a provincia.

O candidato ao Congreso, Iván Olmos, incidiu na necesidade de que “Ourense teña, por fin, unha representación digna no Congreso dos Deputados” que traballe “con autonomía e sen tutelas”. Fixo fincapé na necesidade de “situar os problemas máis importantes da provincia no debate político estatal: o reto demográfico, a desprotección dos sectores produtivos e a falta de inversión en infraestruturas”.

O candidato ao Senado, Millán Brea, incidiu na necesidade de traballar para reverter o elevado índice de emigración xuvenil, así como o avellentamento que afecta ao conxunto do país e que ten especial incidencia na nosa provincia. “É momento de recuperar a ilusión. O Senado non pode ser o premio para a xente que leva anos en política, senón unha cámara activa ao servizo da cidadanía”, indicou.

IMG_0819Os candidatos sinalaron que estamos ante unha oportunidade histórica para poñer en valor as nosas potencialidades e mirarmos ao futuro con menos pesimismo. “Nos últimos anos, Ourense estivo orfa dunha representación con capacidade de traballo e non subordinada a intereses de partido”, afirmaron. “Debémoslle á sociedade ourensá que o espazo do cambio en Galicia estea presente nas institucións estatais e traballe arreo para loitar contra as desigualdades sociais, na protección do noso medio rural e do sector agrogandeiro e na defensa dun futuro laboral digno para a nosa mocidade”, concluíron.
En Marea anima a todas as persoas inscritas a pronunicarse e tomar parte activa no proceso de primarias que se desenvolverá a vindeira fin de semana. Dende o venres 8 ás 9:00 ata o domingo 10 de marzo ás 23:59 estarán abertas as votacións para o deseño das candidaturas coas que a formación concorrerá ás próximas eleccións xerais e europeas.