Iván Olmos reclamará como deputado a universalidade da educación de cero a tres anos

IMG-20190401-WA0037
Iván Olmos reclamará como deputado a universalidade da educación de cero a tres anos

O Limián presentou o seu programa poe En Marea

O cabeza de lista ao Congreso dos Deputados por Ourense de En Marea,o Limián Iván Olmos Ferreiro, compareceu este luns acompañado da deputada autonómica Paula Vázquez e do voceiro nacional, Luís Villares, para explicar á cidadanía as principais e concretas propostas que a súa formación levará ao debate na Cámara Baixa no caso de obter representación pola provincia nas vindeiras eleccións do 28 de abril.

Para o cabeza de lista por Ourense ao Congreso, Iván Olmos Ferreiro, é fundamental revertir os datos demográficos da provincia, que dende o ano 2000 perdeu 29 mil habitantes entre os 20 e os 39 anos e 6.000 menores de 14 anos. “Somos a provincia cos salarios máis baixos de Galicia e unha das provincias do Estado nas que máis se nota a precariedade”, sinalou Olmos, que anunciou que esixirá dende as institucións do Estado que se poñan elementos para loitar contra esta situación, entre as que se atopa a de solicitar a transferencia total das competencias en materia de inspección laboral, arestora dependentes do Ministerio de Trabajo, á Comunidade Autónoma de Galicia.

Tamén defendeu a necesidade de apoiar cambios lexislativos no Estado, como a derogación das dúas reformas laborais, “algo que levamos pedindo dende En Marea hai moitísimo tempo e que é un incumprimento do propio Partido Socialista nestes últimos meses no goberno”. E xustificou a necesidade de avanzar nunha proposta de reforma de modelo de financiamento autonómico “que axude a consolidar os recursos para a Comunidade Autónoma e que nos dea poder fiscal para recuperar o nivel de ingresos e de gastos previos aos recortes derivados das políticas de austeridade do PP e do PSOE”.

Por último, reclamará dende a súa condición de deputado un claro aumento do gasto social para que os servizos públicos de proximidade poidan chegar a todos os fogares do rural da provincia de Ourense e que a sanidade e a educación públicas garantan unha mellor calidade de vida tanto nas cidades como no denostado rural.