JAVIER BOUZAS NOVOA SERÁ O CANDIDATO DO PSdG-PSOE EN SARREAUS

JAVIER BOUZAS NOVOA SERÁ O CANDIDATO DO PSdG-PSOE EN SARREAUS

Os socialistas apostan por unha nova cara para Sarreaus

O PSdeG PSOE de Ourense confirma o seu sexaxésimo oitavo candidato de cara ás eleccións municipais do próximo mes de maio. A agrupación municipal socialista de Sarreaus elixiu a Javier Bouzas Nóvoa como o seu candidato a alcaldía da localidade. O futuro voceiro socialista asume por primeira vez as rendas dunha candidatura política na procura duns bos resultados que lle permitan cambiar o sino do seu concello.

Javier Bouzas Nóvoa explica que se presenta as eleccións “porque actualmente en Sarreaus vívese unha situación de desidia e abandono por parte do goberno municipal do Partido Popular, que ademais goberna con prácticas caciquís máis propias doutra época que dos tempos que corren. Considero que a veciñanza merece mellores recursos e unha xestión enfocada e que pense neles e non en intereses persoais do alcalde”.

O novo voceiro socialista remarcou que “temos problemas moi severos en materia de infraestruturas, con estradas totalmente destrozadas, accesos a aldeas polos que non se pode circular e núcleos de poboación que levan anos abandonados e que tan só provocan o éxodo da nosa xente en busca dun futuro noutros lugares”.

O candidato socialista apunta que “Sarreaus vive os problemas do caciquismo máis rancio que se coñece nesta provincia, cun alcalde que leva máis de 20 anos no poder e fai o que lle da a gaña, sen pensar nos veciños e nas súas demandas. Por iso, a nosa idea e presentar un novo proxecto que mellore a xestión municipal e o rescate do ostracismo no que vive dende que goberna a dereita”.

Bouzas Nóvoa fai tamén referencia a problemas tradicionais da provincia. “Temos ó igual que o resto de municipios da provincia, graves problemas de despoboación, que fan que os mozos e as mozas marchen fóra na procura dun futuro, ante a falta de iniciativas municipais para xerar emprego e despois de que as institucións políticas gobernadas polo PP lle deran as costas”, explica o candidato, que tamén apunta “a nosa idea é darlle a volta a esta situación e promover iniciativas para que esa xente poida quedar en Sarreaus e a súa vez, fixar nova poboación no concello”.

O futuro voceiro socialista finaliza falando de políticas sociais. “Temos que mellorar as políticas de atención os nosos maiores, xa que non dan cobertura a ampla demanda actual de Sarreaus. Contamos cunha poboación moi envellecida a que temos que darlle servizos dignos e que cubran completamente as súas necesidades”.