José Manuel Andrade Rodríguez , candidato do PP no concello de Calvos de Randín

candidatyo calvos
José Manuel Andrade Rodríguez , candidato do PP no concello de Calvos de Randín

O candidato e o seu equipo, afirmou o presidente provincial, Manuel Baltar, “farán posible que este concello teña a visibilidade que merece e para iso contan cun gran proxecto político como o que defende o Partido Popular”.

José Manuel Andrade Rodríguez (Porqueira, 1974) vai encabezar a lista que o Partido Popular presentará para as eleccións locais de maio en Calvos de Randín, co propósito de “poñer en marcha un modelo de xestión que acabe coa deixadez do grupo de goberno”. Un espertar, afirmou o presidente provincial, Manuel Baltar, “que o candidato será quen de conseguir para un concello que debe ter o seu grao de protagonismo na comarca e na provincia”

José Manuel Andrade afirma que a situación actual do concello é de parálise total, sen máis iniciativa que manter o poder pero sen un proxecto político claro e definido. “Para conseguir melloras e progreso compre actuar no municipio partindo de propostas e proxectos, pero se só fan pequenas cousas illadas, estas dilúense e non permiten avanzar nada “.

Para o candidato, Calvos de Randín ten eivas moi importantes en áreas como os servizos sociais, “que non están cubertos suficientemente para unha poboación moi envellecida como a nosa, ou en iniciativas para xerar emprego desde o ámbito privado, de tal xeito que así é moi difícil manter a poboación e mesmo atraer a novos veciños”.

A liña de actuación que José Manuel Andrade e o seu equipo propón cara unha nova etapa no goberno local pasa, precisamente, por potenciar os servizos sociais a través dunha residencia para a terceira idade ou un centro de día, estudar a posibilidade de ofrecer vivenda proxetida e crear as condicións para xerar máis emprego, “porque sen estas oportunidades o futuro será máis que incerto”.

Aínda hai outras posibilidades ignoradas durante todo este tempo para facer destacar a Calvos de Randín no mapa provincial e galego, destaca Andrade, “como o Couto Mixto e a súa historia como territorio independente, que podería ser un verdadeiro atractivo para visitantes”. Mesmo a condición de concello limítrofe con Portugal podería aproveitarse nos ámbitos económico e turístico, “cando vemos como as vilas portuguesas máis próximas están sempre cheas de turistas”.

O presidente provincial destacou do candidato o seu coñecemento da administración local, “pero tamén compre apuntar que é sabedor do que supón manter unha axeitada colaboración coas administracións e, por suposto, co resto dos concellos da comarca da Limia, porque Calvos de Randín non pode ser unha illa”.

José Manuel Andrade e o seu equipo, engadiu Baltar, “farán posible que este concello teña a visibilidade que merece e para iso contan cun gran proxecto político como o que defende o Partido Popular, que loita por todos os concellos da provincia como un territorio único”.