O BNG presentou a súa lista en Rairiz de Veiga
Da man de Juan Antonio Rivero Abuín, o Bng irrompe con forza na carreira electoral de Rairiz de Veiga.

Nun contexto condicionado pola inestabilidade e as guerras entre as forzas maioritarias, aparece o Bng para disputar a alcaldía con PP e PSOE. Nuns comicios que se antollan igualados, Juan Antonio Rivero ve dúas claves: “a composición da lista e a campaña serán decisivas, máis ca nunca, e no primeiro punto penso que xa gañamos”. O equipo de traballo do Bng-Rairiz está formado por quince persoas que xa teñen perfilado o proxecto que queren para o concello. Lidera Rivero Abuín, director técnico de enerxías renovables, é un valor engadido na construción do futuro do municipio. Tras el, o empresario Pablo Campos e confiado promotor da lista e Rosa Barja, coñecida hostaleira da zona. No cuarto chanzo aparece a grande sorpresa da lista e unha das principais bazas, Sita Rivero Rodríguez, recentemente xubiliada das súas funcións coma administrativa no Concello, o que supón unha garantía para a xestión da casa consistorial a partir do 28 de maio. Continúan Esteban Campos, enxeñeiro que xa encabezara unha lista do Bloque e Diego Veloso, militante activo tanto no equipo de Rairiz coma no de Xinzo polo que chega con moita rodaxe. Alba Fernández, cos seus insultantes 28 anos, é administrativa. A continuación, Alberto Morgade, empresario electricista moi querido na contorna. Pecha a lista María José Rodríguez “Sesé”, protésica dentral de profesión.
Na retagarda, aparecen nomes coma o de Miguel Domínguez, Melania López, administrativa en Industrias Cárnicas Moncho SL, o operador de renovables e benxamín do equipo Jose Dominguez, a perruqueira autónoma Mariana Vázquez, o electricista Marcos Pérez “Txuela” e Mar Ferreiro, que pecha a candidatura.
Rivero Abuín está orgulloso da súa lista: “Lidero o proxecto de máis confianza, somos xente de lei e palabra”. Recoñece que a carreira electoral, que logo entrará na recta final, o ten sorprendido: “fai dous meses tiña nervios, hoxe teño ganas e ilusión”.
O equipo do Bng-Rairiz centrará a súa aposta por chegar á alcaldía no servizo de xestión e información municipal, no aspecto laboral como base para a vida no concello, no coidado e servizos para as persoas maiores tales coma a mellora do transporte e na modernización integral do concello para recuperar o orgullo de ser dun pobo coñecido en Galicia enteira pola súa Carballa, a súa romaría da Saínza, a calidade dos seus gaiteiros e gaiteiras e pola valentía da súa xente.