O candidato (Toni) percibe “ese vento de cambio, de regreso ao bo camiño que representa o pp"
Paula Prado apela á “coherencia e unidade” de Antonio Fernández e do PP de Xinzo de Limia para recuperar a alcaldía despois de catro anos de parálise do cuadripartito
A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, considera as eleccións do 28 de maio unha oportunidade para recuperar a alcaldía de Xinzo de Limia e poñer fin a catro anos de desgoberno do cuadripartito: “A candidatura do PP aportará coherencia e unidade fronte aos pactos de perdedores que xeran parálise nos municipios”.
O PP venceu as municipais de 2019 pero quedou a dous concelleiros da maioría absoluta á que aspira de novo Antonio Fernández, despois de sumar, á súa ampla experiencia política no goberno municipal, o exercicio de liderar a oposición e “demostrar o seu compromiso co partido, con Xinzo, cos veciños e co propio territorio”, engadiu Prado.

Este venres foi un dos candidatos que recibiu o apoio da número dous dos populares galegos e do deputado autonómico Carlos Gómez na reunión comarcal do partido, celebrada en Xinzo de Limia, á que tamén acudiron a alcaldesa e candidata de Porqueira, Susana Vázquez; o candidato de Sandiás, Sixto Traveso; o candidato de Rairiz de Veiga, Camilo Fernández; a candidata de Vilar de Santos, Remedios Cid; o candidato de Vilar de Barrio, Óscar Seguín; o alcalde e candidato dos Blancos, José Manuel Castro; o alcalde e candidato de Sarreaus, Sindo Lamas; o candidato de Calvos de Randín, Toño Valencia; e o alcalde e candidato de Trasmiras, Emilio Pazos.
ANTONIO FERNÁNDEZ: “XINZO NECESITA RIGOR, SERIEDADE E XESTIÓN”
O candidato de Xinzo de Limia, Antonio Fernández, prometeu “rigor, seriedade e xestión” cun proxecto que aposta por “implicar ao sector primario, como eixo fundamental do concello e da comarca” pero tamén axudar a favorecer as iniciativas empresariais sostibles e “reforzar os servizos sociais, a cultura, o deporte base e a igualdade real”.
Fronte aos “titulares baleiros e promesas incumpridas” do goberno local, o popular inclúe no seu programa electoral demandas relevantes como a construción e posta en marcha dun centro multiusos e auditorio municipal, a creación dun centro de iniciativas empresariais e dun viveiro de empresas no parque de Xinzo ou dunha residencia municipal para a atención das persoas maiores.
O popular destacou a importancia para a comarca da urxente posta en marcha das medidas contempladas no Plan estratéxico do sector agrogandeiro da comarca da Limia: “Aposto por unha gandería rendible e respectuosa co medio ambiente, que lle aporte valor engadido aos nosos excelentes produtos. É necesaria a modernización do regadío e a xestión sustentable dos residuos gandeiros coa construción dunha planta de tratamento de xurros para o seu procesamento”.