"VILAR DE SANTOS XA TEN EQUIPO PARA O GOBERNO"
O Bng presentouse en Vilar de Santos esta mañá co obxectivo de revalidar a alcaldía coas 7 actas.
O Bloque deixou ver hoxe en Vilar de Santos a dinámica que vén mostrando no resto da comarca nas últimas semanas onde presentará lista en practicamente tódolos concellos. En Vilar de Santos o proxecto liderado por Antonio Míguez Nogueiras ensinou a súa fortaleza hoxe nun salón de actos cheo de veciños e veciñas. Inaugurou a presentación o número dous da lista Rubén Colmenero “Pisto”, coñecido dinamizador do pobo ligado ó deporte e a presentación da candidatura correu a cargo de Aldo William F. Jardón, con 20 anos de traxectoria no goberno local. Foi o encargado de presentar ás 17 persoas que conforman un equipo “de tódalas idades para visualizar o futuro de Vilar de Santo” en palabras do actual alcalde, Antonio Míguez “Morete”.

O rexedor animou ó seu equipo a asumir responsabilidades e dar un paso adiante para cambiar, aínda que levemente, o xeito de funcionar no día a día: “este non vai ser un concello do alcalde, vai ser do Grupo de Goberno, que é o importante”. Malia non querer avanzar as ideas innovadoras do seu proxecto, reivindicou o éxito dun modelo que “naceu fai corenta anos dende o galeguismo e a esquerda e sigue sendo o mesmo, agora regresando ó principio coas mesmas siglas”.
Entre a xente que apoia a candidatura atópase xente cun traxectoria política contrastada coma Rafael Quintas ou Begoña Francisco e persoas que debutan para aportar formación e enerxía coma o enxeñeiro e empresario Manuel Antonio Fernández Nogueiras, o sanitario Juan Luís Domínguez, a historiadora Sara ou a educadora Raquel Coello. Mantense no equipo a polivalente Marosi Saburido, clave no traballo diario do concello. Marcos Nogueiras, responsable da organización do Bng local tamén fai parte da lista.