As bolachas de algarroba e o pan de fariña de castaña saen do forno de Faragullas

faragullas
As bolachas de algarroba e o pan de fariña de castaña saen do forno de Faragullas

A masa nai e o tempo de elaboración dos produtos son a súa marca de calidade

O forno de Faragullas atópase no lugar de Mosqueiro, no concello de Vilar de Santos. Adentrarse nesta aldea é facelo nun espazo rodeado de natureza e do cal as estradas convencionais quedan lonxe. Un entorno tranquilo no que se elabora pan e doces de maneira tradicional, "como o facían as avoas", sinala Carmen, unha moza de 35 anos que rexenta este forno. Levan tres meses producindo pan con masa nai, como se facía antes de que chegase a levadura comercial.farag

En Faragullas prodúcese pan de centeo puro, de trigo, de leite, de espelta, de trigo, de fariña de castaña e as súas bolechas de algarroba, o que se coñecía como o cacao dos pobres que se usaba na posguerra. Na súa páxina de Facebook pódese coñecer máis sobre todo o que producen.

O seu modo de traballar implica que poidan tardar 6 ou 7h en sacar un pan do forno, "elaboramos os produtos como o facían antigamente, non buscamos un soldo grande, estamos sacando un bo produto, tendo o cliente contento e sobre todo nós satisfeitos cos materiais que empregamos, para nós é suficiente", resalta Carmen. faragullas 3

Botan man de produtos ecolóxicos como o leite ou a fariña de castaña, con todo a dona deste forno sinala que "en Galicia é moi difícil conseguir fariña ecolóxica pola humidade que hai na terra".

Os seus clientes chegan ata o País Vasco ou mesmo Londres e Alemaña e por suposto Galicia. Os produtos de Faragullas poden mercarse no propio forno, en tendas de Xinzo de Limia, Ourense, Allariz e en Vilar de Santos.

Esta emprendedora sinala que as autoridades deberían apoiar máis a rede de produtos locais que está emerxendo na Limia. "A parte da feira, poderíase facer un mercado por exemplo unha vez ó mes, con alimentos de quilómetro cero, que hai moito produto na zona, crear un entorno agradable no que as persoas poideran degustar o que ofrecemos", recalca Carmen. Ela emprendeu no rural por ideoloxía e confiando en que a volta da xente nova a este entorno é o futuro e destaca que "hai unha gran rede que se está formando en silencio, sobre todo en Vilar de Santos...son como formiguiñas baixo a terra que fan cousas e de repente saen, de repente a Arca da Noe, de repente Faragullas, eso é un gran paso".