Borxa Colmenero: "Estase encarcerando por delictos de terrorismo a persoas que nada teñen que ver con iso"

IMG_5299
Borxa Colmenero: "Estase encarcerando por delictos de terrorismo a persoas que nada teñen que ver con iso"

O día da presentación do seu primeiro libro Vidas culpáveis. O controlo neoliberal do crime adicou uns minutos a atender ao dendealimia.com.

Borxa Colmenero é un escritor limián, natural de Vilar de Santos aínda que residente en Santiago de Compostela. Traballa a medio camiño entre a avogacía e a investigación académica na Universidade da Coruña. Este pasado sábado presentou na Arca da Noe, na súa vila natal, o seu primeiro libro en solitario. Non é a súa primeira publicación pero si o seu primeiro ensaio de divulgación. Este libro, que xa está dispoñible, é resultado da súa Tese de Doutoramento, adaptada e versionada para un público non estritamente académico. O día da presentación de Vidas culpáveis. O controlo neoliberal do crime adicou uns minutos a atender ao dendealimia.com.

De que trata o libro?

O ensaio vai a medio camiño entre a filosofía política, a criminoloxía crítica e a teoría política. É un libro de estilo académico pero que intenta chegar a outros públicos para explicar algunhas das cousas que están a psar hoxe. Por exemplo, explica o que está pasando con rapeiros que van á cadea por cancións; o que está a pasar en boa medida en Cataluña e a resposta que está a dar o Estado a través da xustiza e non da política e as dinámicas do castigo, a punición e a criminalidade no contexto no que vivimos hoxe.

IMG_5301

E ti tes as chaves de todo iso?

Eu tratei de debullar algunhas das chaves sobre as que se estrutura todo iso. Máis que ofrecer respostas, trato de colocar as preguntas enriba da mesa e deixo para o debate as diversas respotas que se poidan dar. Pero si falo dalgunhas das chaves, trato de que axente entenda o por qué das cousas. Incluso trato de explicar como despois de analizar determinadas situacións, os datos indicannos cousas que van na dirección oposta ao que os medios de comunicación adoitan transmitir.

Algún exemplo ao respecto disto último?

Actualmente estamos vivindo, aparentemente, unha época de aumento da represión e de menos liberdade. Estamos vendo que houbo unha reforma do Código Penal, á que se lle chamou Lei Mordaza e moitas outras cousas. Porén, levamos dez anos con descenso de número de persoas presas. Na realidade, o Estado español baixou en 16.000 o número de persoas presas nos últimos anos. Estanse dando lóxicas contraditorias entre o que parece que pasa e o que pasa de verdade.

Quizáis a autocensura?

Claro. Nese senso tratamos de apuntar algunhas das chaves. É preciso ver como, de repente, o noso gran inimigo hoxe é o terrorismo xihadista, que golpeou ao Estado español recentemente en numerosas ocasións. Porén, as políticas antiterroristas españolas non están apuntando cara o xihadismo. Estase encarcerando por delictos de terrorismo a persoas que pouco ou nada teñen que ver con ese tipo de delictos: sindicalistas, activistas sociais, activistas políticos vinculados ao movemento nacionalista en Galiza, anarquistas en Cataluña... basta a ver precisamente unha das exposicións censuradas recentemente en ARCO onde se trataba de mostrar precisamente isto: das últimas persoas que entraron no cárcere en España por terrorismo, ningunha era xihadista. Ningunha. Hai un desfase entre o que parece que pasa e o que pasa en realidade. E no libro falo diso sendo moi riguroso cos datos e deixando pouco espazo para a especulación. É dicir, aquí asinouse un Pacto Antixihadista que levou a prisión a doce rapaces en Alsasu por unha pelexa nun bar, a uns rapaces en Compostela, a un sindicalista en Andalucía e non levou ao cárcere a ningún xihadista. É máis, todos eses presuntos xihadistas que se están a deter, na maior parte dos casos están sendo absoltos porque non hai probas de que estean a cometer ningún delicto.

E ti afirmas que eses que foron detidos non deberían telo sido?

Non. Non poño iso en cuestión. Eu advirto da contradición existente. Unha cousa é o que parece que fai o Estado e outra o que fai de verdade. Poderiamos colocar o paralelismo co que está a pasar coa crise económica. Unha cousa é que pareza que hai recuperación económica e outra o que vivimos nós todos os días nos nosos traballos. Entón, iso que é sinxelo de ver no ámbito económico porque nos toca a todos e todas, vemos que é similar ao que ocorre co tema do libro.

IMG-20180224-WA0005

Xa presentaches o libro en Ourense, non?

Si, o libro leva xa varias presentacións e está a funcionar moi ben. Saiu a finais de outubro e nas librarías comezou a funcionar a partir de novembro.

A quen vai dirixido?

O público obxectivo serían os ambientes académicos críticos: xente que estuda dereito, políticas, filosofía... e que está interesado nestas temáticas dende unha perspectiva crítica. E por outra banda está enfocado tamén aos activistras defensores dos dereitos humanos, das liberdades e a aquelas persoas que toman consciencia do mundo no que vivimos. E eu creo que bascula a medio camiño entre ámbalas dúas bandas. Que por outra banda, é o público obxectivo de calquera ensaio.