O festival Moullarock, ou como actualizar unhas festas das de toda a vida

moulla-rock-2014-cartel-boado
O festival Moullarock, ou como actualizar unhas festas das de toda a vida
Falamos con Fernando, un dos organizadores deste evento nacido para darlle a volta ás celebracións na honra do San Pedro...

Falamos con Fernando, un dos organizadores deste evento nacido para darlle a volta ás celebracións na honra do San Pedro de Boado

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

maria@dendealimia.com

Twitter: @MariaFdezRomero

Na parroquia de San Pedro de Boado viven, segundo datos do IGE do ano 2009, 143 persoas. Deste case centenar e medio, 15 son mozos e mozas e integran a Asociación Traslasxás, encargada de organizar as festas na honra de San Pedro no final do mes de xuño. Levan responsabilizándose desta tarefa seis anos, e despois de contratar dúos e tríos musicais coma en cada recuncho de Galicia durante catro, decidiron cambiar. “Non é que aos mozos non nos gusten esas agrupacións senón que preferimos outro tipo de eventos”, explicábanos Fernando, un dos organizadores e membros da asociación. “Ademais coincide que somos todos moi ‘festivaleiros’ e gústanos o rock, por iso apostamos por este formato”, e así nacía en 2013 o Festival Rural Moullarock.

Nin que dicir ten que o debut foi espectacular. O ano pasado, e a pesar de que coincidía co Derrame Rock ourensán, este festival limiao reuniu no campo de fútbol de Boado a preto de 300 persoas. O reto da edición deste ano, que se celebra mañá, é conseguir un público de 500 asistentes, que se cumprirá segundo a organización “se non chove e se todos os amigos que nos dis que van vir, aparecen”. O cartel non é soamente para aparecer senón para quedar toda a noite. Este ano subirán ao escenario do Moullarock grupos locais e outros de algo máis lonxe. Entre os da casa están Mildeu, Habitación Vudú, Jackloops ou a Charanga Achicoria, e os reforzos chegan desde Cambados con Noite Fechada e The Skarnivals, uns rapaces de Bueu que repiten no cartel deste festival rural.

Quedou atrás o escenario con tubos de regar

A troula comezará cunha cea popular que estará amenizada pola Charanga Achicoria, que despois da paparota acompañará a veciños e visitantes en pasarrúas ata o campo de fútbol. E será alí, a partir das 22:30 horas onde comezará o rock, este ano cun escenario profesional. “O ano pasado montamos o escenario como puidemos, con tubos de regar e cordas, pero neso xa puidemos mellorar”, contounos Fernando entre risas.

O certo é que o financiamento deste festival afróntase mediante a venda de rifas e o que se recade a mesma noite dos concertos no bar, porque a entrada e a acampada son gratuítas. Ca loxística, os papeis e os temas de seguridade axúdanlles desde o Concello e Protección Civil. Polas dificultades de preparar un evento coma este en plena crise, e porque os prezos das bebidas “serán populares”, desde a organización pídenlles aos asistentes que lles axuden “un pouco consumindo no bar” para que o Moullarock poda ser posible un ano máis: “Nós estamos empeñados así que esperamos a resposta da xente”.

Consolidación

O soño dos membros que conforman Traslasxás sería que este espectáculo se consolidase e se convertese nunha parada máis da rede de festivais do verán, aínda que son “conscientes de que nestes tempos é moi difícil conseguir financiamento, pero esa é a nosa intención”. “Senón mira o Viñarock”, recordaba Fernando, “estivemos alí case 200.000 persoas, e Villarrobledo soamente ten o dobre de habitantes que Xinzo...”.

A pesar de apostar moi forte polo Moullarock, os mozos de Boado non se esquecen dos maiores. Por iso se o venres é para a xente nova, o sábado está pensado para os veteranos e incluirá, ademais dun campionato de futbolín, a actuación dun dúo e a do humorista da TVG “Isi”.

Para máis información sobre o evento podes visitar a súa web http://www.moullarock.tk/ ou a súa páxina en Facebook  https://www.facebook.com/moullarock .