Licores ecolóxicos e con selo de calidade de Alicornio

alicornio
Licores ecolóxicos e con selo de calidade de Alicornio

Belén e Iñaki levan un ano elaborando os seus licores en Sarreaus

Logo de pasar tres anos traballando arreo e enfrontándose ós trámites administrativos, Belén e Iñaki sacaron adiante a súa destilería coa que producen variedades de licores ecolóxicos. Levan un ano en marcha e a súa é unha desas empresas que naceu no rural e que contribúe a súa dinamización. alicornio 2

Alicornio atópase no concello de Sarreaus. Unha pequena nave reformada que alberga unha destilería tradicional con alambiques de cobre onde producen a súa propia augardente a partir de bagazos que escollen con anterioridade. alicornio 1

Dende que montaron esta micro empresa tiñan clara cal ía ser a súa función "producir e transformar o noso produto, producimos herbas medicinais e aromáticas e froitos como a framboesa e o arando, recollemos o que producimos, mesturámolo coa nosa augardente e sacamos un produto con un valor engadido", sinala Belén.

Eles os dous producen, embotellan, etiquetan e promocionan. Unha intensa labor que levan a cabo para sacar todas as súas variedades. En Alicornio faise licor de herbas, licor café, de arandos e xenxibre, licor de framboesa, licor de laranxa e herbaluísa, licor de mandarina, licor de castaña,licor de flor de sabugueiro e augardante con esencia de limón,esta prodúcese en convencional. Este último úsase moito para facer cócteles por exemplo, nalgún local de Xinzo. A súa produción depende do tempo de maceración," o de laranxa precisa 7 meses para macerar, o de mandarina un ano e o de castaña seis meses", apunta Belén.

O certo é que os seus clientes espallados por toda Galicia e España esperan o tempo que faga falta para consumir estes licores. Soen vendelos a asociacións de consumo e tendas. Na Limia poden atopar os seus produtos para probar e mercar en establecementos de Vilar de Santos, Xinzo de Limia e Sarreaus. Calquera información que queiran obter poden facelo a través da páxina de Facebook de Alicornio. alicornio

Belén e Iñaki apostaron pola súa empresa no rural e pola calidade dos seus licores. "Non podemos competir co gran mercado que produce unha gran cantidade de botellas pero si que podemos obter unha calidade que eles non teñen" asegura Belén. No que vai de andaina, Alicornio ten un balance positivo da súa actividade, das catro mil botellas que produciron neste ano, levan vendidas a metade dende antes do verán.