viernes. 30.09.2022

Unha limiá fará historia no mundo da radio

Raquel Pérez forma parte dun equipo de mozos españois que intentará bater o récord do programa máis longo e escoitado...
RaqWRC - copia

Raquel Pérez forma parte dun equipo de mozos españois que intentará bater o récord do programa máis longo e escoitado de tódolos tempos

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

[email protected]

Twitter: @MariaFdezRomero

“Fáiseme un pouco raro estar do outro lado da noticia”, recoñece Raquel Pérez Costa entre risas cando comeza a entrevista. Esta moza de Rairiz de Veiga é licenciada en xornalismo e está a punto de facer historia no mundo da radio. Xunto a ela, unha vintena de persoas preparan o que é sobre todo, un desafío, o World Radio Challenge, ou o que é o mesmo, unha competición entre 11 radios universitarias de todo o mundo, para facer o programa máis longo e con máis audiencia da historia.

Como acabou ela como xefa de prensa do evento, é fácil de explicar. Ao rematar os seus estudos en Santiago, Raquel mudouse a Madrid para especializarse no mundo da radio cun máster. E foi alí onde coñeceu a Fernando Carruesco, o creador desta “bendita locura” como eles chaman ao que serán 70 horas de radio ininterrompidas. Cando acabou o ano académico, Raquel regresou á Saínza e despois de seis meses “sen vivir da radio que é o que me encanta”, o pasado luns de Entroido, “imaxina o panorama”, recibiu unha sorpresa en forma de correo electrónico. Naquela mensaxe Fernando chamábaa a filas para formar parte do maior evento radiofónico de todos os tempos, así que “collín as miñas maletas e planteime en Madrid”.

“É algo moi grande, algo que nunca se fixo, e ás veces dáme moito medo e respecto”, recoñeceunos Raquel durante a nosa conversa, “aínda que despois penso, isto é algo que soamente o vai ter no seu currículo unha vintena de persoas, é unha oportunidade única, ademais de poder poñerlle acento galego a algo tan marabilloso”. O feito de que o equipo español sexa o impulsor e organizador, ademais de emitir esta maratón radiofónica en directo desde a madrileña praza de Callao é unha responsabilidade importante, pero esta rapaza limiá opta polo optimismo, “aprendes un montón e colles unha rodaxe impresionante”.

Como resumirías a túa función neste enorme proxecto?, preguntámoslle a Raquel. “A miña labor é a de facer que este evento, dea a volta ao mundo e o coñezan desde nunha aldea de Kenia ata os esquimós do Polo Norte”, asegurounos convencida. A principal tarefa de “Saínza”, tal é coma a coñece todo o equipo, consiste en contactar cos medios de comunicación para que se fagan eco, nos diferentes soportes, desta idea que se está cocendo en Madrid. As horas da verdade, repartiranse entre o seis e o nove de maio, e encheranse cun programa dirixido polo propio Fernando Carruesco e Sergio Brau. Dous xornalistas que xa teñen experiencia nesto de producir programas faraónicos. Raquel explicounos que “hai tres anos estes rapaces gravaron durante 60 horas seguidas, sen durmir, por iso creo que o noso equipo ten moitas posibilidades de gañar, porque temos xente con moita experiencia”.

Ana Pastor, Ignacio Escolar, Berto, Gorbacho, Buenafuente, Carlos Jean e moitas outras personalidades serán os invitados deste macro show que contará con música en directo e a posibilidade de que o público interveña  ao longo destes case dous días de insomnio e moita radio.

Pero todo este traballo é ademais toda unha declaración de intencións. “Que hai crise e non nos dan traballo, pois creámolo nós a pesar de non cobrar un duro”, toda unha lección de ilusión, talento, ganas e emprendemento, que de saír ben dará lugar a unha competición consolidada a nivel internacional.

Para saber máis sobre esta "bendita locura", podedes visitar a páxina web do evento premendo aquí.

Comentarios