lunes 6/12/21

Manuel Baltar: “Gustaríame ser recordado coma o presidente que deixou de figurar nas placas”

O líder provincial confesounos que o único que non lle gusta do seu traballo é o tempo que deixa de...
20140422_4557 copy

O líder provincial confesounos que o único que non lle gusta do seu traballo é o tempo que deixa de pasar coa familia

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

[email protected]

Apenas minutos despois de presentar o Código Ético da Deputación de Ourense, o primeiro documento deste tipo elaborado por un goberno provincial, Manuel Baltar recibíanos no seu despacho. Con gravata vermella e traxe azul escuro senta no borde dunha das butacas, agardando a que cheguen as preguntas. “Non me gusta saber como van ser as entrevistas que fago, prefiro enfrontarme a elas sen máis”, asegura axustando os puños da camisa. Coñece Dende a Limia, así que a introdución faise case innecesaria, unha pequena composición de lugar e acéndese a luz vermella da gravadora.

Este ourensán do 67, pai de tres fillas, avogado e funcionario da Xunta tivo claro desde ben neno a súa vocación pública. “Non é ningunha sorpresa que eu estea aquí, a miña traxectoria ven marcando desde moi cedo, un camiño de defensa dos intereses públicos e de traballo pola comunidade”, contounos. Unhas pistas que poderían ter vaticinado que algún día, Manuel Baltar se convertería en presidente do Partido Popular ourensán e da Deputación. Ten aínda moi presente a súa chegada ao órgano provincial. Recorda a data exacta: “Levo dous anos e poucos meses, desde o seis de febreiro de 2012”, e asegura que “non hai nada do traballo” que non lle guste. Ningunha das súas funcións como presidente lle desagrada, e incluso confesa que “de ter ese sentimento, non viría traballar”. Pero como calquera outro cidadán, e pai, si lamenta o “tempo que deixo de pasar coa familia”.

E falando de familia, é moi difícil conversar con José Manuel Baltar sobre a súa vida sen preguntarlle, polo menos unha vez, por seu pai. Aquel que segundo el mesmo asegura, aconselloulle “non meterse en política”. Un consello que finalmente, Baltar fillo “tomou coma un reto”. José Luis Baltar Pumar presidiu a mesma institución que agora rexe seu fillo durante máis de dúas décadas, e para ben ou para mal iso deixa pegada. Moitos critican, pero iso parece non preocuparlle a Baltar Blanco. Para el “os prexuízos soluciónanse vindo á Deputación falar comigo e ver como traballo”.

Por todos é sabido que precisamente o seu traballo, a política, non está precisamente moi de moda. Como será logo dedicarse a unha profesión tan desprestixiada? Baltar afirma rotundo que é “unha oportunidade”. Unha oportunidade, sobre todo se se fala da que el chama a “verdadeira política”, aquela que reivindica o peso da vida pública. “Son tempos marabillosos porque só se pode progresar, construír”.

Cando toca pensar no futuro, e reflexionar, propoñémoslle unha idea romántica: como lle gustaría ser recordado. Dous segundos tarda en responder: “Como o presidente que deixou de figurar nas placas”. Unha das súas obsesións é separar a Deputación como institución de nomes propios ou cores políticas. De aí a decisión de incluír no código ético unha norma que impida que o nome do presidente figure nas placas das obras que se inauguran ao abeiro desta administración.

Unha administración á que moitos lle desexan a fin. Chámana antiga e obsoleta, e falan de duplicidade de competencias. Baltar sae na súa defensa: “As Deputacións suplen e asisten técnica, económica e xuridicamente aos Concellos de menos de 20.000 habitantes, que en Ourense son 91, dos 92 que existen”. Ben é verdade que recoñece erros: “O déficit de comunicación, a desinformación dos cidadáns sobre a labor que desenvolve esta institución”, son algunhas das razóns que pensa que motivan a pouca popularidade do órgano que preside. A solución? “A elección directa dos candidatos”. “Gustaríame que cando os ourensáns e ourensás pasen pola rúa do Progreso pensen, a ese señor escollino eu”, Baltar móstrase convencido de que se os cidadáns tivesen a oportunidade de elixir aos líderes provinciais como fan cos municipais, acabarían as desconfianzas.

Sobre o Baltar máis de andar pola casa, descubrimos a quen admira, e cales son os seus gustos musicais e literarios. Son “as persoas que se levantan cada día con obxectivos nobres para traballar e sacar adiante ás súas familias, sen nomes propios” a quen admira, e en quen se inspira. E se insistimos, decídese por Adolfo Suárez. O Real Madrid, a música dos Beatles, a literatura de Thomas Man e a do seu xefe de prensa, Fernando Méndez, enchen as horas que non está traballando ou coas mulleres da súa vida, as tres fillas e a súa parella.

Non marchamos sen falar da parte limiá do seu equipo de goberno. Os rexedores de Baltar e Xinzo, recentemente no ollo público por motivos xudiciais, centran a pregunta. Fálanos de situación resolta a de Feijóo a quen a xustiza lle deu a razón, “pero ninguén se escusou publicamente con el despois de masacralo e lapidalo durante meses día tras día”, e de “tranquilidade” para tomar a de Pérez. Recalca que ningún dos dous ten ou tivo problemas coa xustiza pola súa faceta de deputado, e pide respecto á presunción da inocencia do rexedor limiao: “hai que ter paciencia e esperar con total normalidade a decisión do xuíz”.

Polo demais, o presidente da Deputación en toda unha declaración de intencións, anunciou que proseguirá a súa carreira política mentres siga “tendo forzas para chegar cada día con ideas novas e haxa cando menos unha persoa que crea en min”.

FOTOGRAFÍAS: Israel Eliaz de www.tempodelecerourense.com.

Manuel Baltar: “Gustaríame ser recordado coma o presidente que deixou de figurar nas...
Comentarios