Caleidoscópica é o nome dunha publicación de fotografía online con deseño da Limia

ana
Caleidoscópica é o nome dunha publicación de fotografía online con deseño da Limia

Mestura de arte e xornalismo nado en Galicia

Un proxecto que se fixo realidade, así podemos definir o nacemento de Caleidoscópica. Seis mozas e un mozo puxeron en marcha o que se define como unha publicación anual de fotografía na rede. Son xornalistas, fotógrafos e deseñadores. Cada un coa súa profesión pero un sentir común: a terra que os une e a súa relación con ela.

Este martes foi a data na que comezou a andar Caleidoscópica, cun conxunto de imaxes feitas por estes mozos galegos e que recollen Galicia dende outra ollada. O sábado van presentar o seu proxecto no Outono Fotográfico que ten lugar en Ourense, na galería Photo Art, a partir das 18.15h. Recorrerán toda Galicia para achegar á xente a estas imaxes que mesturan arte e xornalismo.

Dentro de Caleidoscópica atópase unha limiá, Ana Parada. Esta moza estudou Belas Artes en Pontevedra e leva moito tempo dedicándose á arte. Unha das súas paixóns é a pintura e a ilustración. Pode pasar días pintando ata dúas da mañá. Non se cansa de crear, mesmo escribiu un conto infantil con ilustracións tamén feitas por ela. Ten unha páxina web http://www.bananandapple.com/, na que se poden admirar todos os seus traballos dende deseño, fotografía, pintura e ilustración. A sua mente creativa non descansa e xa está traballando en novos proxectos, un deles facer unha exposición en Xinzo con algúns dos seus traballos.

Ana Parada entra en Caleidoscópica como deseñadora gráfica pero en vindeiros números participará tamén amosando a Ana máis artista.

A publicación de momento só será online pois en papel sáelles costoso, eles mesmos se autofinancian, e por outra banda, as novas tecnoloxías permítenlles chegar a máis xente.