“As nosas cancións tratan temas universais cos que todos nos podemos identificar”

foto promo
“As nosas cancións tratan temas universais cos que todos nos podemos identificar”
Habitación Vudú lanza “Flores Falsas” e “Gran Premio” das que se poderá desfrutar en directo na gala Circus14 MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO maria@dendealimia.com Twitter:...

Habitación Vudú lanza “Flores Falsas” e “Gran Premio” das que se poderá desfrutar en directo na gala Circus14

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

maria@dendealimia.com

Twitter: @MariaFdezRomero

Era a primeira vez. A primeira vez que Habitación Vudú, decidía meterse nun estudo profesional a gravar os seus propios temas. E fixérono en Vigo, con “cartos dos seus petos”, e nun tempo récord.  “Había que ser rápidos”, contounos Jose Freiría, o guitarrista da banda, e así, entre un venres pola tarde e un sábado á noite gravaron “Flores Falsas” e “Gran Premio”. “Foi unha finde de convivencia”, explicounos José pois nese par de días que compartiron tiveron tempo de facer máis cousas xuntos das que decote os seus traballos lles permiten. “Era a primeira vez que estabamos os catro máis tempo do que dura un ensaio, estivo moi chulo”, explicaba Jose que tivo que organizar todo “un zafarrancho de combate” na súa casa de Vigo para acoller a tódolos membros de Habitación Vudú. “Foi xenial porque houbo tempo de facer música, de botar unhas risas, de ir de cañas e tamén ata de discutir”.

Habitación Vudú, ou o que é o mesmo Jose, Justo, Rubén e David son catro mozos que se reúnen en Escornabois, na casa familiar dos irmáns Freiría (Jose e Justo) para facer unha música que eles definen coma  un pop-rock indie “moi raro”. O habitual é que a primeira idea para unha canción do grupo saia da guitarra acústica de Jose. Despois, unha vez todos reunidos no local de Trasmiras, vanlle dando forma ata chegar á composición final. As letras son de Jose e defíneas como “directas, claras e sinxelas pero non autobiográficas nin dedicadas a ninguén, son temas cos que todos nos podemos sentir identificados”. É o caso de “Flores Falsas”. Este último tema dos limiaos vai sobre o “engano e o desengano”, sobre o que se sente “cando cres que era algo que ao final resulta non ser”. O que buscan en definitiva  é retratar situacións da vida real pero sen caer na personalización dos temas.

O percorrido deste grupo foi segundo os seus compoñentes, “circular”. Comezaron hai tres anos e tras diferentes formacións volveron aos compoñentes orixinais, os irmáns Jose e Justo; e Rubén a quen despois se lles uniu David. “Tivemos que dar unha volta en círculo para acabar coma empezamos”, pero o certo é que para eles o grupo é “un hobbie no que se involucran ao 100%”. “Non esperamos chegar a vivir disto, aínda que se algún día chega benvido sexa, mentres nós investimos o noso tempo e nosos cartos nel, coma hai quen marcha de expedición polo Everest”.

Circus 2014

“Flores Falsas” e “Gran Premio” soarán en directo na gala benéfica organizada por Fusión S.C. “Circus2014”, que se celebrará este sábado na praza Carlos Casares de Xinzo de Limia. Hai un par de meses, Habitación Vudú volvía aos escenarios despois dunha longa tempada afastada deles. Facíano na Sala Clan, o local no que naceran e ao que estaban moi emocionados de volver.  E entre o público do Clan estaba Tania. E esta Tania non é nin máis nin menos que Tania Cardenal, a organizadora de “Circus2014”, unha gala benéfica cuxos beneficios destinaranse para o programa “Vacacións en Paz” que permite aos nenos do Sáhara pasar o verán en Galicia e tamén para o proxecto do CDR O Viso, “Atención urxente a persoas en risco de exclusión social”. O caso é que cando Habitación Vudú rematou o concerto, ela achegouse a Jose para pedirlles que tocaran na gala. “Díxome que nos vira algo especial que lle gustara moito e que quería que tocásemos en Circus2014, e claro díxenlle que si”, recordaba Jose.

“Non podiamos negarnos a colaborar nun proxecto no que os organizadores se involucran tanto sen buscar máis beneficio que o de axudar a outros”, desde Habitación Vudú aseguran estar “moi orgullosos de poder formar parte dunha iniciativa tan seria e cunha finalidade tan loable”.

E para os que non sexades capaces de esperar ao  sábado para escoitar os novos temas de Habitación Vudú na gala Circus2014, onde por certo a entrada ao evento aboarase mediante o depósito de roupa ou alimentos, aquí vos queda o enlace de “Flores Falsas” e “Gran Premio”.