"Ós participantes pídolles que valoren o Esquecemento porque é a nosa historia e que non a deixen perder"

maria
"Ós participantes pídolles que valoren o Esquecemento porque é a nosa historia e que non a deixen perder"

María Méndez con tan só 22 anos preside a asociación Civitas Limicorum que xa teñen todo a punto para que comece a festa do Esquecemento este venres. No seu primeiro ano de mandato María xa conseguiu que aumentaran os socios e que os participantes se involucraran máis na organización do festexo.

Conta coa axuda da xente que forma parte da súa "coordinación", e que se encargan de diferentes comisións como economía, infraestruturas ou decoración, entre outras. "Metinme a presidenta porque esta festa foi o máximo, logo baixou, volveu subir e o que eu no quería é que volvera a baixar, creo que esta festa pode dar moito e eu quería facer o posible para que non se perdera", destaca María.

Con estas gañas e ilusión ela e o seu equipo comezaron a traballar para facer do Esquecemento un evento importante. O primeiro punto no que se centraron foi na captación de socios que mediante o pago dunha cota anual de 15 euros poden gozar de diversas vantaxes. "Poden acudir ás ceas que facemos, participar nas saídas promocionais a outras festas históricas onde imos vestidos e desfilamos e logo teñen entrada de balde no campamento", apunta a presidenta.

Civitas Limicorum son hoxe máis de 70 socios e socias. Curioso é o caso dunha familia de Madrid que tras coñecer a festa de Esquecemento nunha feira de mostras na capital española, decidiron facerse socios. Agora acuden tódolos anos á festa e mesmo participan nas ceas que organizan ó longo do ano.

María tiña claro que o seguinte paso era abrir o Esquecemento ó resto da vila por iso a maioría de actividades vanse desenvolver por todo Xinzo, como é o caso do concerto de Habelas Hainas na Praza Maior.

Outros dos aspectos no que traballaron foi na seguridade parte importante tendo en conta a cantidade de xente que se acumula nestes días. "A partir das 00h o campamento péchase ó publico e as persoas que queiran entrar deberán pagar 5 euros con un desconto para o bar, e dar os seu DNI para ter a todo o mundo indentificado no caso de que pase algo", resalta María.

Unha dor de cabeza constante foi conseguir diñeiro pois tan só reciben axuda da Deputación para unha festa que estiman terá un custe de 20.000 euros. Así as cousas a presidenta destaca que están moi contentos coa boa colaboración dos establecementos da vila. "Son moitas horas de dedicación, moitas chamadas de teléfono, o ano pasado na etapa de organizar a festa adelgacei 7 quilos" apunta María.

Así as cousas valora o que leva de mandato como unha experiencia positiva sobre todo, destaca, polo bo traballo das comisións. Agora toca gozar da festa durante a fin de semana e que todo transcorre sen imprevistos. "Os participantes pidolles que valoren a festa porque é a nosa historia e que non a deixen perder e ó resto da xente dígolles que se animen a participar, que non é unha festa privada. Ós que antes formaban parte dela pídolles que regresen porque me da pena que se perda", mensaxe que envía María Méndez como presidenta de Civitas Limicorum.