Patacas Ama aumenta a sua produción tras o éxito de vendas a través de Internet

amador
Patacas Ama aumenta a sua produción tras o éxito de vendas a través de Internet

Amador Díaz tivo que adiantar a recolleita da pataca pois os seus clientes non paraban de chamalo para facerlle pedidos. Leva preto de dous anos comercializando o seu produto a través de Internet e dende entón a experiencia está sendo moi positiva. "Comecei esta semana enviando un día 16 caixas, outro 8, dependendo do día pero a verdade é que se vai consolidando o negocio e está dando os seus froitos", destaca Amador.

As súas fincas están en Piñeira Seca onde tamén se atopa a nave na que comeza o proceso de produción. Na web www.patatasama.com, podemos atopar tres variedades do tubérculo, a Agria, Daifla e a Kennebec. Esta última é a que máis saída está tendo entre os seus clientes. "Tiven que sementar máis terreo de Kennebec porque a demanda maior é a pataca branca para cachelos".

A súa clientela está repartida por toda España, esta mesma semana saíron patacas cara Asturias, Barcelona, Madrid ou Marbella. Son clientes habituais pero van medrando os novos porque según destaca Amador "o boca a boca funciona ben".

amador 2

Para facer pedidos só fai falta rexistrarse na páxina. Pódense solicitar envíos de 10 quilos ou de 20 quilos e o cliente poder recibir o seu pedido en menos de 24 horas, como figura no lema da empresa "dende a miña finca a túa cociña".

Amador Díaz busca primar a calidade por encima da cantidade motivo polo cal colle as patacas a man. Un agricultor veterano e experto que destaca que este ano hai menos produción de pataca por mor dos cambios do tempo que afectaron ó cultivo. A parte positiva é que o prezo da pataca é maior, nestes días o quilo custa 50 céntimos.

Este agricultor da Limia destaca que agora o medo está en ver que tempo fará nas vindeiras xornadas, "dentro de 20 días comezaremos co forte e agardamos que non se poña a chover porque senón haberá fincas nas que non poderemos recoller as patacas".

Combinando a venda pola vía tradicional e online , Amador Díaz prevé que vai ser un bo ano no sector, pois aínda que descende a produción, a calidade mantense.