“Polo menos que non nos quede a dúbida de non telo intentado”

Interior 1
“Polo menos que non nos quede a dúbida de non telo intentado”
Loli e Marián lanzáronse hai pouco máis dun mes á aventura de emprender cunha tenda de moda infantil en Xinzo,...

Loli e Marián lanzáronse hai pouco máis dun mes á aventura de emprender cunha tenda de moda infantil en Xinzo, así naceu “Muñeca de Trapo”

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

maria@dendealimia.com

Twitter: @MariaFdezRomero

Días de 48 horas, iso é o que lle fai falta as nosas protagonistas de hoxe. Pasaron de ser alumna e profe a convertérense en amigas e agora tamén socias. Son Marián e Loli, as dúas mulleres que están detrás da última tenda de moda infantil que abriu en Xinzo de Limia, “Muñeca de Trapo”. Días de 48 horas porque ambas compaxinan desde que iniciaron esta aventura  dous traballos, ademais da súa faceta como mamás.

Marián traballa no departamento de Servizos Sociais do Concello e Loli rexenta unha academia de baile. Foi nesta academia onde precisamente se coñeceron estas dúas limiás, hai cinco anos, cando Marián se anotou ás clases que impartía Loli. E así, Marián recorda que un día a súa profe de baile e co tempo tamén amiga, que sabía do seu gusto pola moda e o mundo infantil díxolle: “a ti que che gustan tanto estas cousas, se algún día te decides a empezar un negocio, montámolo a medias”. E dito e feito. Tamén é certo que para chegar ata onde están tiveron “os seus altos e aos seus baixos”. Sobre todo, na etapa na que comezaron a buscar o local ideal para “Muñeca de Trapo”. “Tivemos moitos problemas para dar cun local para a tenda porque moita xente non quere alugar, ben por medo ou ben pola posibilidade de que nun futuro lle faga falta aos seus fillos”, explicounos Marián.

Cando sae na nosa conversa a palabra crise Marián recoñeceunos que “é un momento difícil para emprender” pero que unha vez que tomaron a decisión estaban “tan ilusionadas que dixemos agora para adiante, polo menos que non nos quede a dúbida de non telo intentado”. Ademais, tamén as animaba que a inversión non fora moi elevada e por suposto o seu carácter optimista: “ao mellor non hai as mesmas ventas que hai uns anos pero digo eu que isto terá que mellorar”.

Esta nova tenda situada na capital da Limia céntrase no público máis noviño e conta con roupa desde bebés ata os 16 ou 18 anos, con variedade de estilos e prezos. Contan cunha liña de vestir e outra máis informal, sempre pensando en axustar os prezos á situación actual pero sen renunciar nunca á calidade. Esta é a filosofía deste negocio que conta con apenas un mes de vida pero que polo momento vai “bastante ben”. As súas propietarias están “contentas” e confían en que a cousa siga por onde empezou. De feito están superando as expectativas de tal maneira que xa están tendo problemas de existencias en algunhas tallas. “O que máis nos amola é non poder darlle o servizo a xente”, confesounos Marián que xa se puxo mans á obra para que o pedido de inverno conte con todo o necesario.

Complementos infantís 

Outra liña na que se están introducindo estas emprendedoras limiás é a dos complementos infantís. “Aínda que nos identifican máis coa roupa tamén estamos intentando apostar polos complementos coma fulares ou neceseres, para que por exemplo os nenos poidan regalar algo diferente nas festas de aniversario”, contounos  Marián. E é que se algo é este novo local é diferente. “Á xente sorpréndelle moito o estilo e o deseño da nosa tenda, e moitos veñen simplemente a vela aínda que non teñan nada que comprar”, e é que sobra un paseo por “Muñeca de Trapo” para volver ao doce e marabilloso mundo da nosa infancia.