“Recordarei para sempre o son do ferro encerrándome”

IMG_8064
“Recordarei para sempre o son do ferro encerrándome”
Jesús Casasola “Suso”, leonés afincado en Xinzo e ex traballador do Concello, da testemuña do seu paso por prisión MARÍA FERNÁNDEZ...

Jesús Casasola “Suso”, leonés afincado en Xinzo e ex traballador do Concello, da testemuña do seu paso por prisión

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

maria@dendealimia.com

“Por cabezón”. Jesús Casasola, técnico no Concello de Xinzo durante 22 anos, quita os lentes mentres con expresión franca recoñece: “si, fun a prisión por cabezón”. Pousa as gafas sobre a mesa e comeza o relato de cómo se viu privado de liberdade durante 35 días, por ter conducido baixo os efectos do alcohol, primeiro e sen carné despois.

Cincuenta e sete anos o separan do seu nacemento na localidade leonesa de La Bañeza, e apenas dous da súa experiencia no cárcere do Pereiro, onde ingresou tras ser condenado a once meses de prisión en xullo de 2011. Finalmente, cumpriu só un mes e unha semana de internamento, aínda que el asegura que debería ter sido menos, “pilloume o parón do ministerio en agosto, e tiven que esperar máis do normal para que me concedesen o terceiro grao”.

De vacacións ao Pereiro

Por 2009 Suso,que é tal e como se lle coñece na vila, era persoal laboral do consistorio limiao onde se encargaba de tarefas relacionadas co catastro. Cando o xuíz lle comunicou a súa decisión de ingresalo en prisión, Casasola pediu as vacacións no traballo. Daquela estaba seguro de que non ía pasar no centro penitenciario máis de dez días, “a verdade e que o tomei coma unhas vacacións, obviamente non é o mesmo saber que entras por once meses, que pensar que vas estar preso 20 anos, a actitude cambia moito”.

Ao final foi algo máis de semana e media, 35 días, o que “valeu de escusa”, segundo Casasola ao Concello de Xinzo para despedilo. “Cando cheguei alí despois de saír do cárcere, dixéronme que non facía falta que volvera”, confesa cun medio sorriso. A día de hoxe xa se viron as caras nos xulgados ata tres veces, ante as denuncias de Suso por despido improcedente, e tódolos procesos déronlle de momento, a razón. “Cando me botaron, deume rabia ter que saír pola porta de atrás”, afirma colocándose as gafas de novo, “pero co que me levan pagado de indemnización estanme solucionando a vida”.

“Como acabei eu aquí?”

Para Suso a súa entrada en prisión non supuxo, lonxe do que se poda imaxinar, un antes e un despois na súa vida, “considéroo unha experiencia máis, coma quen viaxa en globo ou ten un fillo”, asegura convencido. Porén, cando se lle pregunta polo primeiro día en prisión, pecha os ollos por uns segundos e asegura: “o son metálico do ferro pechándose é algo que se me quedou gravado para sempre”. Se nos momentos iniciais confesa que non pensaba en nada, cando sentiu que se quedaba encerrado: “fun consciente de que estaba no cárcere, e ese intre foi bastante duro, recordo que pensei, meu Deus, como acabei eu aquí?”.

Cando toca falar do compañeiros Casasola é contundente, “atopei arrepentimento e sentimento de culpa en case todos eles”. O leonés asegura que no patio, “ que é onde se fala máis en serio”,os presos cos que compartiu cativerio, xogos de cartas e conversas,

mostrábanse fondamente afectados polos crimes que cometeran, a meirande parte deles laiábanse de ter cometido “un erro terrible”.

Presos que viven “a corpo de rei”

Se ese era o lado máis duro e complicado da vida no cárcere para Suso Casasola, este tamén recoñece entre xestos pícaros que “non é todo tan funesto e penoso como aparece nas películas”.

Moitos dos convictos, sobre todo os que deben cumprir as condenas máis longas e teñen desafogo económico, viven segundo Suso “a corpo de rei” no “colexio maior” de Pereiro de Aguiar, que é como se coñece o centro nos círculos presidiarios debido as boas condicións das que gozan os internos . Os presos teñen a súa disposición todo tipo de produtos de aí é que Casasola comente que “no Pereiro vístese á última moda”.

Contounos que cada recluso, sempre que o pague do seu peto, pode decorar e dispor a cela ao seu antollo, “se queres poñerlle tarima, solicítala e trancha”. Chega ata tal punto a personalización e adaptación dalgún dos cuartos, que Suso chega a admitir que “a moitos hoteis lles gustaría ter habitacións coma algunhas das que eu vin no cárcere do Pereiro”.

Un comportamento habitual detectado por Casasola na prisión, deixa albiscar que estar interno é para algúns un medio de vida: “había algúns presos que ao aproximarse a súa saída, metíanse en pelexas para que o xuíz lles aumentase as penas”. “Moitos non teñen onde ir”, explicounos Suso, e así polo menos estes reclusos teñen asegurados o teito e o manutención diarios.

Misión frustrada

O que si ten moi claro Suso é que a suposta misión reintegradora e correctora da prisión “é un fraude”. El mesmo confesa que “dislle aos psicólogos o que queren oír para que che dean o permiso e saír”. No seu caso, debía abandonar o consumo de alcohol. E recorda “a min dicíanme vas deixar de beber?”, e el recoñece que sabendo que era a súa liberdade o que estaba xogo dicía: “déixoo xa mesmo”. “Soamente os enganaba a eles e a min mesmo, non servía de nada”. De repente levanta as dúas mans en sinal de indignación, “ao psicólogo que me avaliaba, coñecino de cañas… íao tomar en serio?”.