Serafín González (II): "O informe do Ministerio sobre o río Limia é unha burla"

Serafín González Prieto
Serafín González (II): "O informe do Ministerio sobre o río Limia é unha burla"

Entrevistamos ao presidente da Sociedade Galega de Historia Natural sobre a situación actual do río Limia.

Aproveitando a visita de Serafín González –presidente da Sociedade Galega de Historia Natural– á Limia por motivo da presentación dos dous tomos de "Aves da Limia", dende este xornal dixital aproveitamos para fala con el arredor da situación do río Limia, que acaba de recibir unha Declaración de Impacto Ambiental positiva por parte do goberno central.

Dicir que a situación do río Limia é boa é unha desfachatez absoluta e unha falsidade total.

Hai anos respondías ás preguntas do dendealimia.com a tenor da situación caótica na que se atopaba o río Limia. Porén, os úlitmos datos indícannos que a situación actual é moi boa, segundo afirman tamén algúns informes do Ministerio. Semella que están a permitir que se faga o trasvase do Limia ao Salas.

Iso é unha desfachatez absoluta e unha falsidade total. Simplemente non están a facer caso da realidade. A Declaración de Impacto Ambiental, que eu lin, achégase un pouco a unha burla. Non se fai caso das alegacións e dise que todo está ben, cando a realidade é que non está ben. O problema non se resolveu e non se vai resolver mentres non se intente actuar de verdade. Hai algúns proxectos que non son máis que un xeito de tirar 2 millóns de euros con actuacións que non van resolver o problema. Lamentablemente o Ministerio deulle unha Declaración de Impacto Ambiental positiva. Nós intentaremos levar esa declaración a Bruxelas e defenderemos que iso vai en contra da propia lexislación europea.

A Xunta non ten competencias?

O informe é do Ministerio porque a Xunta apenas ten competencias aí. É un baleiro internaiconal que fai que a competencia sexa estatal. O resonsable é o Ministerio.