“Para traballar do que me gusta ata os 30 e pico nada”

IMG_1498
“Para traballar do que me gusta ata os 30 e pico nada”
Brais Martínez iniciou estudos de maxisterio e ademais é técnico superior de informática, a situación económica obrigouno a escoller e...

Brais Martínez iniciou estudos de maxisterio e ademais é técnico superior de informática, a situación económica obrigouno a escoller e decidiu emprender, abrindo PC Limia en Xinzo

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

maria@dendealimia.com

“Non me quedou máis remedio que optar pola informática”, así se lle presentou a este mozo limiao a vida, a pesar da súa vocación de mestre, e os seus estudos, entendeu rapidamente que ou buscaba outra saída profesional, ou que se lle ía marchar o tempo entre oposicións e esperas, así que decidiu formarse na informática, un campo que espera agora lle dea de comer. Así, Brais Martínez decidiu iso si con axuda, segundo el mesmo “foron meus pais os que fixeron todo”, tirarse á aventura de emprender, abrindo unha tenda de informática no centro de Xinzo, PC Limia.

A aventura de Brais e o nacemento de PC Limia comezaron un pouco antes do pasado Nadal: “queriamos aproveitar o tirón das festas, así que en catro días montamos todo”. Cando nós falamos con el, apenas un mes despois de ter aberto, recoñecíanos que “cas présas sempre se che esquece algo”. Pero a campaña de Nadal resultáralle ben, polo que afronta estes meses con optimismo e a un tempo sendo consciente de que son a súa proba de lume.

Como veciño en Xinzo, Brais detectou rapidamente que a oferta en tendas deste tipo non era moi ampla, polo que se encheu de valentía e montou un local con reminiscencias de “Apple”, “rompendo a ditadura do aluminio e con liñas moi limpas”. “Ademais aquí todo o mundo me coñece e eu coñézoos a eles, coido que é máis fácil”, asegurábanos. A partir de agora confía en que as reparacións sexan o servizo estrela do seu negocio: “a marxe de venta é pequeno, deso non se vive, pero hoxe a electrónica e a informática son case elementos de primeira necesidade, e ca crise a xente compra menos e repara máis”.