O deseño de Laila Gómez recibiu o bronce do Concurso de Cartaces de Festas Gastronómicas de Galicia organizado na feira
REDACCIÓN
Onte concluía a 15ª Edición de Xantar, o Salón Internacional de Gastronomía e Turismo que recibiu nos cinco días de feira a preto de 20.000 persoas. Nun dos actos celebrado o venres, o cartaz do Entroido de Xinzo 2014 deseñado por Laila Gómez foi premiado co terceiro posto no Concurso de Carteis de Festas Gastronómicas de Galicia.
Aínda que ninguén puido achegarse ata a feira para recoller a distinción, o Entroido limiao tivo a oportunidade de compartir premio con outras dúas importantes festas de Interese Turístico da nosa comunidade, a Festa do Ourizo de San Cibrao de Cervo e a Festa do Bonito de Burela, cuxos carteis ocuparon o segundo e o terceiro posto, respectivamente.
Falamos con Laila
Aproveitamos para recuperar a entrevista que lle fixemos á deseñadora do cartel do Entroido de Xinzo 2014, Laila Gómez Pan, poucos días despois de coñecerse que sería o escollido para esta edición da festa limiá por excelencia.
Laila naceu na Coruña, criouse en Vigo e vive en Allariz, son unhas amizades as que a unen con Xinzo e a partir deste ano, tamén ter sido a autora do cartaz da súa celebración máis sobranceira. A fotografía que compón o cartel xurdiu ao azar, e o ollo experto da súa autora foi quen descubriu o seu potencial . No Entroido do ano pasado estaba cuns amigos cando un deles que viste a Pantalla, afastouse de nós e eu decateime de que a súa sombra se proxectaba nun charco do chan, explicounos esta enxeñeira que emprega a fotografía para despexar a mente.
Foron os amigos tamén, as que a animaron a presentarse ao concurso precisamente con esa foto, e ela decidiu probar: sorprendeume moitísimo gañar, eu non son profesional da fotografía pero este recoñecemento motívame moito a seguir facendo cousas, porque ves que alguén valora o teu traballo. O certo é que o soño de Laila é poder algún día deixar o seu emprego actual e dedicarse por completo á súa paixón, pero recoñece que tal é como están as cousas, é algo complicado de momento.
Esta moza criada en Vigo asegura que o Entroido limiao sorprendeuna dende o primeiro momento: é unha festa que ten moitísimo ambiente e un montón de vida, pásalo en grande porque ademais nel sucede algo que non pasa noutros sitios de Galicia, implícase todo o mundo, desde o máis vello ata o máis novo.
Para coñecer máis do traballo desta artista da fotografía, non dubidedes en visitar a súa páxina web (preme aquí para vela) ou a súa conta en Flickr.