De Xinzo ao deserto marroquí: crónica dun reto extremo

IMG-20140602-WA0002
De Xinzo ao deserto marroquí: crónica dun reto extremo
José Manuel Blanco e José Manuel Oterino, dous mozos limiaos recorreron máis de 700 quilómetros no “París Dakar das bicicletas” MARÍA...

José Manuel Blanco e José Manuel Oterino, dous mozos limiaos recorreron máis de 700 quilómetros no “París Dakar das bicicletas”

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

maria@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

Comparten nome, procedencia e a súa paixón polo deporte. Son José Manuel Blanco e José Manuel Oterino, dous limiaos amantes da bicicleta que veñen de vivir un reto e unha experiencia únicos, nada menos que no deserto marroquí. Non hai máis de tres anos que unha serie de lesións, en parte provocadas polo seu pasado coma futbolistas, leváronos a subirse a bicicleta, e desde aquela aínda non a apearon. Por iso, cando souberon da Titan Desert non dubidaron en anotarse.

A Titan Desert, ou o que é o mesmo, o “París Dakar das bicicletas”, son 700 quilómetros en cinco días polo deserto de Marrocos, de Midelt a Maadid. Cando chegou a hora de explicarlle isto á familia a reacción dos seus seres queridos foi clara “estades tolos”, pero tal e como explicaba José Manuel Blanco “eles coñécennos e saben ben como somos, pero nos facémonos cargo de que é algo complicado de entender, sobre todo ca situación política convulsa que está a vivir Marrocos”. Porén, ambos ciclistas coinciden en que se sentiron “moi arroupados” pola organización tanto en temas de seguridade coma médicos.

Así, a finais de abril fixeron as maletas e plantáronse en África. Ningún dos nosos José Manuel é deportista profesional, senón que ocupan a maior parte do seu día noutros mesteres. Blanco é funcionario e Oterino, empresario, por iso ten aínda se cadra máis mérito que foran quen de superar un reto tan duro coma a Titan Desert. “Empezamos 425 a carreira e 122 retiráronse ou chegaron fora de tempo, para nós ter quedado entre os pouco máis de 300 que conseguiron acabar é todo un logro, xa que moitos dos que non o conseguiron tiñan moita máis experiencia na bici ca nós”, explicábanos Oterino que conseguiu rematar na posición 107.

“Non sabíamos se iamos aguantar o ritmo, tiñamos medo de non ser capaces, pero despois co paso dos días vas collendo confianza e vaste adaptando, en realidade non sabiamos cal era o noso nivel , e finalmente nin sequera chegamos ao noso límite máis que nada por prudencia”, reflexionaba Blanco, quen ademais contounos que “ao estar alí un está moito máis centrado e supérase coa motivación”.

As xornadas na Titan Desert son intensas. Comezan as seis da mañá e algunhas das etapas prologáronse durante máis de nove horas. Pero estes dous valentes aseguran que “unha vez que te adaptas, desfrutas moito”. “Os sete membros do noso equipo, todos galegos, somos moi fortes mentalmente, e esa era a nosa baza”. Para estes deportistas foi “unha experiencia moi interesante porque a xente coñécela na adversidade”. E unha vez que se acada a meta despois de case unha semana sufrindo, resulta que o que se se sinte é pena: “Da moita pena que despois de que te habitúes teñas que marchar”.

“É imposible prepararse ao 100%”

Pregunta obrigada era como se prepara en Xinzo, escenario habitual dos seus adestramentos, unha carreira que se vai desenvolver no deserto. “Estivemos un ano preparándonos para a proba e veunos un tempo malísimo, pero como somos moi duros de cabeza seguimos adiante”. Para emular o deserto, viaxaron a Cangas e así practicar entre as dunas e aproveitaron tamén o barro dos tantísimos días de chuvia deste inverno que segundo nos contaron ten un efecto parecido. “Tivemos que ir ao monte con luces moitas veces porque ao facerse de noite tan rápido entre o traballo e a familia non tiñamos outro momento para adestrar”. Tamén viaxaron en bici ata Áncora en Portugal, para adestrar a resistencia pero por moito que fixesen eran conscientes de que “é imposible prepararse ao 100%” para unha proba tan complicada. Presentáronse ademais a varias probas amateur e pediron o consello de profesionais pero en realidade a conclusión que tiran é que “tes que sufrir para mellorar”.

Coa colaboración de todos

A inscrición da Titan Desert, a pesar de ser unha proba aberta a afeccionados é de 3.000 euros. Sen dúbida toda unha barreira disuasoria para moitos, pero non para estes dous mozos. Grazas a colaboración de varios patrocinadores limiaos, a organización dunha marcha, a venda de lotería e os seus propios aforros, conseguiron reunir o necesario para que a carreira tivese un toque galego.

Un toque que fixeron máis que evidente o último día da carreira coa celebración dunha queimada con todos os participantes: “Tivemos que levar a augardente en botellas de Cabreiroá para que non nola quitaran”, recorda Oterino.

Lexos de desanimarse xa preparan un novo reto. Desta vez róldalles na cabeza o Cape Epic en Sudáfrica. Un reto de oito días por parellas, que desafiará á complicada orografía do país e ao que agardan poder asistir pois a participación decídese por sorteo.