Xoán Jardón: "Que Compromiso por Galicia se presentase ás eleccións en solitario foi un erro estratéxico demoledor" (II)

Xoan Jardón
Xoán Jardón: "Que Compromiso por Galicia se presentase ás eleccións en solitario foi un erro estratéxico demoledor" (II)

Xoan Jardón resposta ás nosas preguntas sobre a súa saída de Compromiso por Galicia, o seu apoio a En Marea e a súa visión da Limia, de Ourense, de Galicia e de España.

O rexedor de Vilar de Santos, Xan jardón, atendeunos no seu despacho da alcaldía pouco antes de que rematara o 2016 para respostar ás preguntas do dendealimia.com

Publicamos hoxe a segunda parte dunha completa entrevista na que o alcalde galeguista fala arredor da situación política de Galicia e das organizacións que ten apoiado nos últimos anos.

O que se trata é de sumar e sumar para podermos camiñar cara lugares comúns. E a decisión de CxG semella que foi un pouco a capricho.

O 2016 foi o ano no que o equipo de goberno de Vilar de Santos se desvinculou do partido polo que concorrera ás últimas eleccións municipais –Compromiso por Galicia– e co que acadara unha máis que clara maioría absoluta. Logo desta decisión, o grupo ao completo apoia explícitamente á candidatura de En Marea para as eleccións galegas, mesmo participando dos seus actos electorais. Como foi o proceso de saída de de CxG e por que se toma esa decisión?

Nós aquí en Vilar de Santos guiámonos por uns principios ideolóxicos claros; somos nacionalistas e galeguistas. E iso é o que rexe sempre as nosas actuacións en sentido amplo e integrador. Eu nestes xuízos de parte xa estou un pouco de volta e xa teño suficiente percorrido político como para facelo. Foi unha desvinculación normal e lóxica. CxG é un proxecto que nun momento político no que se está a sumar nun ámbito como a esquerda nacional na que nos englobamos, coido que hai que apostar pola unidade e non poñer pedras no camiño. Unha organización moi pequeniña e limitada non pode decidir non só que non se integra senon ir sós ás eleccións. Ademáis semella que é un pouco a capricho, porque en troques de estar sumando esforzos, primeiro deciden non presentarse ás eleccións xerais e logo foxen mesmo de negociar nas autonómicas. O que se trata é de sumar e sumar para podermos camiñar cara lugares comúns. Para min todo ese proceso foi un erro estratéxico demoledor. A estas alturas do proceso, está claro que foi unha decisión equivocada por parte de Compromiso. Pola nosa parte, a saída foi un proceso completamente transparente. Antes das eleccións galegas comunicamos a nosa baixa formal tras nunha decisión colectiva e unánime de CxG. E fixémolo polas canles que correspondía, a pesares de que logo algúns dixeron que non se enteraran, cuestión que non vou entrar a valorar

De feito, durante a campaña, seguías aparecendo como rexedor vinculado a CxG na súa páxina web...

Entre outras cousas porque ao mellor lles interesaba, supoño. Eu a decisión da baixa tomouse por unanimidade e mesmo o levamos a debate na sesión plenaria para contituírmonos logo como grupo de non adscritos. Dase un proceso no que nós consideramos que a organización En Marea defendía uns postulados que coincidían cos nosos e decidimos facer explícito o noso apoio. Nós temos sempre os nosos actos públicos e abertos en todas as aldeas do concello nos que explicamos as nosas razóns e os veciños toman as decisión que consideran. A partires disto, coido que En Marea ten que definir aínda moitas cuestións e o tempo dirá. Nós somos consecuentes coas nosas decisións e neste momento non estamos integrado en En Marea, senon que nos centramos en traballar polo noso concello.

O respaldo que tivemos sempre maioritario en todas as eleccións referendan que estamos a facer as cousas ben.

Vese logo, de cara a unha próxima convocatoria municipal indo coa marca de En Marea?

Nin o sei nin creo que neste momento toque. Seguiremos na mesma liña que ata agora e as siglas non as consideramos máis que instrumentos para acadar os nosos obxectivos. Porque iso son os partidos políticos. O que importa son as posturas ideolóxicas que se defenden, e as nosas son moi claras dende sempre. O respaldo que tivemos sempre maioritario en todas as eleccións referendan que estamos a facer as cousas ben.

Dende o punto de vista institucional hai moi pouca relación e moi pouca colaboración co resto de alcaldes da comarca da Limia.

Percíbese acotío que non existe a suficiente colaboración entre os alcaldes da comarca. Cal é a súa relación co resto de rexedores da Limia?

Eu digo sempre que teño unha relación normal con calquera dos alcaldes dende o punto de vista humano. Pero dende o punto de vista institucional hai moi pouca relación e moi pouca colaboración. A min gustaríame que houbera moitísima máis colaboración dende o punto de vista da defensa dos obxectivos da comarca. Sería ideal que non houbera tantos xuízos de parte e defendermos conxuntamente á Limia.

Cal debería ser, para vostede, a labor da capitalidade da comarca, Xinzo de Limia?

Eu nunca lle neguei a condición de capitalidade a Xinzo. Ten un dinamismo de servizos e de centro comarcal que ninguén lle pode negar. Pero poderíanse establecer moitas máis sinerxias entre os concellos que nos favorezan a todos.

IMG_4638

Comezamos agora –e para rematar esta entrevista– cun breve cuestionario de carácter persoal e resposta curta para que os lectores poidan coñecerte un chisco máis de preto. Dígame un libro que lle marcara ou que destaque do que leva lido.

O último que estou lendo é un libro de poemas de Antón Tovar que é limiao e me gusta moito.

Un filme?

Fai moito tempo que non vou ao cine, pero por destacar algo diría a última tempada de Xogo de Tronos.

Un cantante ou grupo musical?

Escoito moito a Uxía Senlle.

Un referente político?

O primeiro referente que tiven foi o anterior alcalde de Vilar de Santos e dende o ámbito do nacionalismo Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira e Anxo Quintana.

Un lugar onde perderse fóra do teu concello?

Calquera sitio que teña montaña como O Courel, Os Ancares ou os Picos de Europa.

O teu maior defecto como alcalde?

Supoño que teño moitos. Pero destacaría que non ser quen de facer todas as cousas que quero no meu municipio. Oxalá tivera máis recursos para poder facelas.

Que significa para ti A Limia?

É a miña comarca e onde nacín. Un referente vital. Hai un poema de Tovar que a define moi ben.

Ourense?

Unha parte da miña vida e a provincia na que vivimos. Ademáis, unha provincia deixada de man e cunhas potencialidades tremendas polas que apostar.

Galicia?

O meu país. Un sentimento global de estar no mundo e no Estado español. Creo profundamente no autogoberno. É o que me define como o que son.

España?

O Estado no que estamos inseridos. Coido que hai que facer unha reforma constitucional para recoñecer outras realidades nacionais. Non son independentista pero creo no autogoberno en sentido pleno, no que todas as competencias se leven a cabo.

O nacionalismo galego?

Un sentido, unha orientación e unha ideoloxía política que ten un profundo percorrido e que se atopa nun momento de redefinción.

O BNG?

Unha organización na que militei e á que lle desexo o mellor.

E Compromiso por Galicia?

Outra organización na que estiven e á que tamén lle desexo o mellor.

En Marea?

Unha opción política que se está definindo e o tempo dirá o que lle aportará a este país.

Para rematar, un desexo persoal para o 2017?

Sobre todo saúde, porque é o sustento de todas as outras cousas. No senso persoal, que me respecte a saúde continuando como estou. Que non teña ningún problema a miña familia. Iso para min é o máis importante.