Hoxe presentouse o "completo" programa para o Entroido de Xinzo 2017

IMG_7722
Hoxe presentouse o "completo" programa para o Entroido de Xinzo 2017

O concelleiro de cultura, preguntado polo orzamento, afirmou que "a falta de que se concreten as recadacións", será unha cantidade "superior á do ano pasado" e "superior á de Verín" –100.000€ segundo a prensa–.

Na mañá de hoxe, arredor das 12:30 horas, presentouse o programa oficial do Entroido de Xinzo de Limia 2017. O acto realizouse na sala de exposicións e actividades do Museo Galego do Entroido. Á cita acudiron, ademáis de diferentes medios de comunicación, o rexedor de Xinzo, Antonio Pérez; o concelleiro de Cultura e Festexos, Luis Miguel Gil; membros da comisión organizadora, edís dos outros grupos políticos e máis varios veciños.

IMG_7716

Tomou a palabra o alcalde en primeiro lugar para agradecer aos presentes a súa asistencia. "É un programa amplo e completo, con moitas actividades para nenos e maiores", afirmou Pérez, que aproveitou tamén para parabenizar aos membros da equipa organizadora "polo traballo feito" porque "non se fan soas". "Agardamos que as críticas que haxa sexan construtivas e non destrutivas, aínda que xa estamos acostumados a todo", afirmou con sorna.

Este ano, como novidade, e para lograr que a vila se manteña o máis limpo posible, decidiuse que se empreguen uns vasos de plástico deseñados para a ocasión para evitar cristais nas rúas e os consecuentes accidentes. "Agardamos que esta nova medida dea bo resultado", dixo Pérez.

IMG_7698

A festa máis importante do ano para a Limia, cun grande interese turístico, compleméntase coas actividades organizadas polo Museo Galego do Entroido, que se prepara para asumir a época con máis afluencia de xente den de que comezou a funcionar con normalidade. Tamén destacou Pérez a importancia do Entroido para o comercio e a hostalería da vila.

Tomou a palabra a continuación unha das portavoces da comisión organizadora, que afirmou que a prioridade é "transmitir a veciños e visitantes a nosa tradición e o respecto á figura da pantalla". Para iso organizouse unha exposición de carteis que estará ubicada na Praza Maior con mensaxes explicativos sobre o significado da festa, o respecto e a convivencia intrínsecos.

Outra das novidades foi a edición dun libro co programa completo de actividades –dende este domingo día 4 co xa famoso petardazo até o vindeiro 5 de marzo co Domingo de Piñata– e outros contidos. Entre estes contidos atópanse artigos sobre o entroido –coma un de Miro Cerredelo–, recomendacións sobre como se debe vestir a pantalla e experiencias doutras persoas noutras edicións.

Un ano máis apóstase por un oleiro tradicional "coma o ano pasado". Tamén destacou a comisión a novidade do colgamento do meco o sábado, concertos e grupos de música tradicional da Limia. Vólvese este ano a poñer un "considerable número" de baños públicos. "Apostamos por un Entroido limpo no que non se xenere tanto lixo", destacou a voceira. Os vasos venderanse por 2€ e haberá obradoiros e actividades variadas para os máis pequenos.

Para finalizar tomou a palabra o edil do ramo, Luis Miguel Gil, quen tamén agradeceu á comisión "o traballo que levan feito dende hai meses". "Trátase dun programa que abarca absolutamente todos os campos", comentou Gil. Afirmou que dende a concellería fixo moito fincapé no tema infantil.

Gil fixo referencia ao feito de que foi o primeiro concelleiro que tivo que suspender un desfile polo mal tempo. A ese respecto se refería cando anunciaba o "incríble" desfile infantil organizado para o venres de Entroido e que xa adiantamos no dendealimia.com. "Agardamos que este ano o tempo nos acompañe un pouco", afirmou. No desfile infantil participarán as escolas infantís e os CEIP de todos os concellos da comarca, xunto cos de Cualedro e Bande. "O único CEIP que non virá é o de Vilar de Barrio polo compromiso que manteñen co centro social", destacou o edil. Máis de 1.600 nenos participarán nesta actividade.

Con respecto ao orzamento, Gil destacou que hai unha partida da Xunta "que todos os anos hai que pelexar", outra da Deputación e outra do propio Concello. A isto hai que sumar as recadacións por aprte de veciños, feirantes e establecementos. "En Verín as institucións aportan 65.000 €, que é menos do que aportan aquí", sinalou tamén o concelleiro. En todo caso será unha cantidade "superior á do ano pasado" e "superior á de Verín".