"Viva o noso Entroido!" Por Luis Miguel Gil

Luis M. Gil 1
"Viva o noso Entroido!" Por Luis Miguel Gil

O Concelleiro de Cultura, Festexos e Deportes de Xinzo de Limia, Luis Miguel Gil, envía esta mensaxe a toda a veciñanza de Xinzo de Limia arredor do Entroido 2017.

Mensaxe do Concelleiro de Cultura, Festexos e Deportes de Xinzo de Limia a todos os veciños e veciñas:

Fai case tres días que rematou o noso Entroido, o Entroido 2017, o Entroido máis longo do mundo. Un Entroido con 13 días de celebración durante un mes.

Un Entroido no que hai que estar meses preparando, para que chegado o momento todo estea a punto: charangas, orquestras, grupos, espectáculos infantís, petardazo, farelos, meco, olas, desfile infantil e desfile do martes, sardiña, pregón, piñatas, decoración das rúas, alumeado, campaña dun Entroido limpo, vasos de plástico, baños e urinarios públicos, carpas, xeneradores, atraccións, recadación dos veciños e das veciñas...

Por todo isto agradecer a todas as persoas que colaboraron nalgún momento na organización deste Entroido: empregad@s do Concello, Protección Civil, asociacións, centros educativos, empresas, hostalaría... e sobre todo á nosa Comisión 2017 por este traballo sen remuneración de meses e moitas horas, e por desgraza, tan pouco valorado e ás veces criticado inxustamente. GRAZAS A TOD@S!

Non me quero esquecer de todas aquelas persoas que algún día formaron parte das comisións de anos anteriores e que tanto traballaron a prol do noso Entroido. Grazas a eles e a elas tamén.

Agora toca comezar a reflexionar sobre onde nos puidemos equivocar e como corrixilo e melloralo. Aínda que contentar a todo o mundo é imposible.

Escoitaremos sempre as suxerencias, opinións e críticas contructivas, invitando a todo aquel ou aquela que o desexe, a unirse e formar parte da comisión do vindeiro Entroido.

VIVA A NOSA COMISIÓN

VIVA O NOSO SENTIMENTO

VIVA O NOSO ENTROIDO

VIVA XINZO

Luis Miguel Gil