Chegaron a Xinzo 325 olas para o domingo Oleiro

olas
Chegaron a Xinzo 325 olas para o domingo Oleiro

As pezas de barro están gardadas no Museo do Entroido

Ás 17h chegaron as olas dende Niño da Aguia ata o Museo do Entroido de Xinzo de Limia. Un total de 325 pezas, 250 de gran tamaño para o xogo das olas dos adultos e 75 para o xogo dos máis pequenos. Están elaboradas por José Ramón Cabana, un artesán que é o segundo ano que prepara este material clave para o domingo Oleiro.

O proceso é laborioso, "primeiro preparamos o barro da nosa zona, logo facémolas e unhas vez que estean secas metémolas no forno entre 5h e media ou 6h", apunta José Ramón. Unha vez que saen do forno xa están listas para o seu transporte. Non se lles dá esmalte para que estean máis lisas e así evitar que quen xogue con elas o domingo se poida cortar.

José Ramón é un artesán experto que leva máis de 30 anos traballando o barro. Mantén que están moi contentos polo feito de que conten con eles por segundo ano e engade que "repetiremos para o ano e tódolos anos que queiran contar con nós".

Agora as pezas de barro quedan gardadas no Museo do Entroido á espera de saír o domingo para ser as protagonistas do tradicional xogo das olas. Ás 13h terá lugar o Oleiro Infantil e ás 17h o Oleiro Senior polas rúas do casco vello e a Praza Maior.