O Entroido 2016 ponse en marcha este sábado co Petardazo na praza Carlos Casares

comision
O Entroido 2016 ponse en marcha este sábado co Petardazo na praza Carlos Casares

A comisión presentou o programa para 13 días de troula

A dous días de que comece o Entroido, a comisión presentou o programa na casa do Concello. Comeza o festexo este sábado co Petardazo a partir das 00h na praza Carlos Casares, de seguido actuarán Xituma Batuke e a charanga XL ata as 3h da mañá. Ó dia seguinte será o Fareleiro co reparto de fariña a partir das 16.30h. Unha semana despois chega o Oleiro máis tradicional dos últimos anos. O sábado procederase ó colgamento do Meco acompañado por fachóns e corozas. O domingo 24 terá lugar o xogo das olas polas rúas de Xinzo acompañados por agrupacións de música tradicional. A Noite Fémina muda o seu nome por Noite de Corredoiro e actuarán as charangas Compostela Band e Achicoria dende as 21.30h ata as 3h. O domingo Corredoiro, día 31, sairá a Pantalla polas rúas e actuarán as charangas SORCHA e BB+ pola mañá e pola tarde ata as 22h.

Os días grandes do Entroido comezan o venres 5 de febreiro cun desfile infantil especial. Participarán por primeira vez, escolas de toda a Comarca da Limia e os institutos de secundaria. Será a partir das 11h da mañá. Pola tarde e ata as 21h os máis pequenos terán actividades e música na Praza Maior. Pola noite dende as 21.30h actuarán a charanga XL e de novo en Xinzo, Artistas del Gremio.

O sábado, domingo e luns, as charangas sairán a rúa a partir das 12h e ata as 15h, e regresarán de 19h a 2,30h da mañá. O martes a música mantense de 12h a 15h e de 19h a 00.30h. As actuacións musicais corren a cardo de XL, Achicoria, Compostela Band, BB+, Melomanía, Madialeva, DGT, Nova, Xituma Batuke, Festicultores ou Caliqueños. O domingo estará presente a orquestra Nebraska e o martes a orquestra Charlestón, ambas na Praza do Toural.

O desfile do martes será ás 17.30h e a comisión delimitará o espazo para que a xente non ocupe a estrada en canto pasan as comparsas e as carrozas.O prazo para inscribirse no desfile remata o 3 de febreiro.

O mércores terá lugar o tradicional enterro da sardiña a partir das 20h. O punto e final da festa terá lugar o domingo de Piñata coas charangas XL e Caliqueños e a orquestra La Fórmula.

Toda esta información pode consultarse na versión en papel do programa que inclúe un mapa co percorrido das charangas.

Este ano haberá 15 baños públicos que se limparán 4 veces ó día e que se situarán en sitios visibles. A comisión tomou esta medida para paliar os problemas de limpeza destas edicións pasadas. Por este mesmo motivo colocaranse máis contedores de vidro nas rúas da vila.

Unha renovada comisión procedeu a presentar o programa deste Entroido 2016. Por vez primeira abriuse á cidadanía a participación na organización do festexo. En referencia a este punto, o rexedor de Xinzo quixo agradecer o traballo feito e incidiu en que "é importante que a xente nova se poña á fronte do Entroido". Antonio Pérez tamén fixo referencia ós comentarios negativos en canto á programación que xa comezaron a circular polas redes sociais, Neste senso o alcalde declarou que "todo o que sexan críticas constructivas serán aceptadas, o resto anímoos a que participen nas reunións abertas que se teñen feito e dean a cara".

O orzamento para o Entroido 2016 é de 85.000 euro, dos cales o Concello aporta 55.000, o resto procede de subvencións e do diñeiro aportado polos comerciantes da vila.

A presentación comezou cunha lembranza á figura de Manolo Santana e Toñito "O Maestro" pola súa intensa labor a prol do Entroido nos anos que participaron na súa organización.