Máis actividades e servizos para o Entroido 2016 pero sen incremento de gasto económico

pantalla
Máis actividades e servizos para o Entroido 2016 pero sen incremento de gasto económico

Primeiras pinceladas da programación que adianta a Comisión

A falta de 37 días para que comece o Entroido, a programación está pechada. Dende a Comisión sinalan que están agardando cerrar asuntos referentes a infraestruturas para presentala oficialmente. Entre tanto e para que a espera non sexa tan longa, adiantan algunhas das novidades.

Este ano vaise potenciar un Oleiro máis tradicional. O xogo das olas estará acompañado por actuacións de rúa con grupos de animación e outros de música da terra. Dende a organización sinalan que era unha demanda dunha parte importante da poboación e apuntan que "imos ver se funciona pero cada un pode disfrazarse do que queira, non vamos impedir nada pero si nos gustaría que a xente colaborase e vestiran de maneira máis tradicional como no colgamento do Meco".

O venres será o día dedicado ós máis cativos. A xornada comezará cun gran desfile no que participarán por primeira vez, case tódolos colexios da comarca da Limia e os dous institutos de secundaria. Pola tarde e dende as 18h ata as 21h, terán lugar actuacións por todo Xinzo para os máis pequenos e un concerto infantil especial. Pola noite haberá charangas e unha actuación a cargo de "Los Artistas del Gremio".

Nesta edición do Entroido tamén se quere potenciar o domingo de Piñata con máis charangas e actuacións musicais para os nenos logo da tradicional piñata.

Como cada ano haberá orquestra tres días. As charangas terán un horario de 12 da mañá as 15h da tarde e de 19h a 2.30h da mañá. Desta volta a Comisión negociou coas charangas un prezo máximo con tódolos gastos incluídos. Dende a organización resaltan que a maioría aceptou as condicións.

Estas negociacións permitíronlles contar coas mesmas actuacións que noutras edicións e ter un colchón económico para destinar a outros gastos. Algúns deles son os derivados de instalar baños públicos visibles con servizo de limpeza diario, na maioría dos espazos da vila. Outro deles é o feito de poder contratar máis carpas se fora preciso por mor do mal tempo.

Con todo a presentación oficial de toda a programación do Entroido 2016 terá lugar nos vindeiros días. A semana próxima os carteis oficiais do festexo comezarán a pegarse por toda a comarca.