Máis controis para frear a venda de alcohol a menores e o tráfico de drogas en Entroido

reunión
Máis controis para frear a venda de alcohol a menores e o tráfico de drogas en Entroido

Foi un dos puntos acordados na xuntanza da comisión de seguridade da Limia

Ás 11h desta mañá tivo lugar unha reunión da comisión de seguridade cidadá no Concello de Xinzo de Limia. Asistiron os representantes da Garda Civil, Policía Local, Protección Civil, Bombeiros e responsables do observatorio contra a Violencia de Xénero.

A xuntanza presidida polo subdelegado do goberno de Ourense, Roberto Castro, e o tenente de alcalde de Xinzo, Manuel Casas, recolleu as principias medidas para garantir a seguridade nunha festa de tanta dimensión como é o Entroido.

Así as cousas, presentouse un plan de autoprotección especial para estas datas da man de Protección Civil. Un dos puntos principais será controlar o acceso de menores a locais nos que se sirve alcohol. Neste senso vixiarase intensamente a venda deste tipo de bebidas á xente con menos de 18 anos, tanto en locais como en supermercados, así como o seu consumo na vía pública. Por outra banda, aumentarán os controis de tráfico e os de consumo de estupefacientes. Na reunión tamén se planteou instalar un punto de atención de seguridade visible para que no caso de xurdir un problema se poida facer fronte canto antes. Outro dos puntos que se tratou foi o dispositivo especial de efectivos que se pon en marcha cada ano para o desfile do martes de Entroido. Tamén se acordou aumentar as patrullas pola rúa nos días que se prevee máis afluencia de persoas, con todo, dende o Concello apuntan que confían no civismo da xente.

A reunión serviu tamén para facer un balance do ano 2015, un periodo no que o subdelegado do goberno anunciou que a Limia sitúase por debaixo da media, no que a actos conflitivos se refire. Foi un acto no que se agradeceu o traballo dos axentes na detención das persoas que roubaron gando na Limia nos anos 2012 e 2013. Tamén se fixo fincapé na labor das forzas de seguridade que participaron na busca da adolescente que tras un mes desaparecida, voltou a semana pasada á súa casa de Xinzo.

O dato negativo do ano 2015 na comarca é o feito de que aumentaron as chamadas para denunciar casos de violencia de xénero. Así as cousas a comisión valora que cada vez máis xente dá a coñecer estes feitos grazas ás campañas de loita contra este delito.