"A Pantalla danza, non desfila, iso fano os que van en zapatillas, con capas longas e sen vexigas"

fariñas
"A Pantalla danza, non desfila, iso fano os que van en zapatillas, con capas longas e sen vexigas"

A Asociación A Pantalla loita por manter a tradición e o respecto á carauta

A Pantalla non sae polas rúas de Xinzo ata o domingo Corredoiro, entre tanto, os que a queren e a respectan loitan por conseguir que quen a vista, o faga de acorde á tradición. "Non se poden por zapatillas brancas, os máis cativos pode que non teñan zapatos, nese caso substituílos por un calzado negro ou escuro", sinala Suso Fariñas, membro da Asociación A Pantalla. Seguindo coa vestimenta, apunta que as capas non son longas, o tamaño ideal é que cubra as campás. No referente á cor, Suso sinala que a máis tradicional é a vermella pero que con que estea ben feita, a cor é o menos importante. Cada vez se poden ver máis Pantallas con camisa e pantalón non apretado, dende a Asociación sinala que así se vai máis cómodo e que esteticamente queda mellor.

Estes serían os principais trazos a ter en conta á hora de por o traxe tradicional do Entroido de Xinzo, pero o que máis lles preocupa é o comportamento. "A Pantalla non saca a carauta na rúa, tampouco corre ó tolo, vai na punta do pé pouquiño a pouquiño danzando e meténdose cos veciños e veciñas, sempre con respecto", resalta Suso Fariñas. Mantén que outra das loitas que levan a cabo é frear que as Pantallas collan a xente sen disfrazar que non coñecen, "non ten sentido que porque vaias en grupo e vexas a un home sen disfrazar ó fondo, o collas e o metas nunha taberna, non se fai", con todo apunta Suso, que estes son casos menores e que se dan sobre todo naquelas Pantallas máis novas.

A Asociación A Pantalla ten aínda unha loita máis antiga, eliminar o feito de que as carautas desfilen o martes de Entroido. Neste senso, Suso apunta que poden acudir ó desfile pero non facelo en filas uns seguidos de outros, senon asistir e comportarse como o fai unha Pantalla, "movéndose, como teñen feito un grupo de xente que nos últimos anos van abrindo o desfile", destaca.

Así as cousas, sinalan que cada vez hai menos dos denominados espantallos, "xente que vai pola rúa con capas longas, sen vexigas, en zapatillas, sen carauta e bebendo de botellas", recalca Suso e que se concentran maiormente na tarde do martes. Neste eido e parar inculcar os valores de respectar a Pantalla, membros da Asociación acuden ás escolas para transmitirlles ós máis pequenos como se comporta un cando pon a carauta tradicional do pobo.

Neste camiño de pelear pola tradición, volveron traer ó Entroido a comitiva do colgamento do Meco que sae cada sábado previo ó domingo de Oleiro. "Recuperamos a figura dos gordos, persoas que se vestían con roupa grande e metían palla e deformaban o corpo. Tamén recuperamos a comitiva do touro , unha cabeza de animal guiada por homes que ía escornando ós veciños, todo o que fora prohibido dende o ano 64", apunta Suso Fariñas.