viernes. 03.02.2023

Xinzo recupera o Entroido “de toda a vida”

O cartel da deseñadora Marta Rodríguez reflexa a esencia do programa, no que a música cobra un gran protagonismo e os desfiles volven con toda a súa espectacularidade

Presentación cartel do Entroido 2023
Presentación cartel do Entroido 2023

Neste 2023 o Entroido de Xinzo de Limia volverá a ser “o de toda a vida”. Despois de anos de restricións pola pandemia os festexos, declarados de interese turístico internacional, recuperan a programación máis tradicional e esta deuse a coñecer esta mañá nunha rolda de prensa na que interviñeron a alcaldesa, Elvira Lama; o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, e os representantes da Comisión, Adriana Jiménez e Camilo Vila. A rexedora asegurou que se trata do “acontecemento festivo máis agardado en Xinzo, polo que levamos meses traballando sen descanso para que o concello viva uns días entrañables nos que ninguén será forasteiro”.

Mesa da presentación do Entroido 2023

O concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, detallou un programa que comezará o próximo sábado día 28 de xaneiro co petardazo e que recupera os desfiles con toda a súa espectacularidade. O edil asegurou que nos próximos días distribuirase o cartel e o programa ao completo e insistiu en que

“o Entroido é por e para os veciños”

Destacouse tamén o Domingo Fareleiro (29 de xaneiro), cando o Concello volverá a facer o reparto de fariña; o 4 de febreiro co Colgamento do Meco; o 5 de febreiro será o Oleiro para os nenos en horario de mañá e para adultos pola tarde e o 12 de febreiro o Corredoiro.

O cartel da deseñadora Marta Rodríguez reflexa a esencia do programa, no que a música cobra un gran protagonismo e os desfiles volven con toda a súa espectacularidade.