Confirmase que o desfile será o domingo de piñata pola mañá

DSC_0363
Confirmase que o desfile será o domingo de piñata pola mañá
Presentado un avance da programación do Entroido 2020

Iván Prado en representación da comisión organizadora, presentou a programación de actividades do Entroido, da que destacou algunhas partes máis diferenciadoras. En palabras do portavoz da organización, “o máis destacable será o cambio do desfile ao domingo de piñata”, por motivo do éxito acadado o ano anterior. Ademais, participarán no entretemento destes días de festa, 14 charangas de casa, como Achicoria, así como charangas de todo o país. No aspecto tradicional, Prado fixo mención ao éxito conseguido na recuperación de grandes tradicións e momentos que “funcionan practicamente de forma perfecta”.

Seguindo coa programación, destacou tres grupos de gran sona a nivel galego da música tradicional folclórica: Xosé Lois Romero e Aliboria, Baiuca, e Pepe Vaamonde Grupo. Xunto a estes concertos, terase en conta tamén aos grupos locais como Lirolaio, Os Ghalos d’Antioquía e moitos máis, así como outros da provincia como Rebulir ou Candaira.

Con respecto ao aspecto infantil, destaca o desfile dos colexios de Xinzo e arredores, no que participarán arredor de 1.000 nenos, xunto as charangas Manía, Nova e Achicoria. A maiores, participarán tamén na animación para os máis pequenos Ocioavia e Divercóxegas, con actividades como concursos, desfiles, agasallos e demais.

BANDAS E ORQUESTRAS

Resaltou ademais Iván Prado a participación da Agrupación musical da Limia, tanto o domingo pola mañá como pola tarde no seu concerto da Praza Maior. Haberá tamén tres orquestras: Gran Parada, Marbella e Nebraska, que tocarán arredor das 19:00h. A música protagonizará gran parte do entroido, posto que, tal e como afirmou Prado “non haberá practicamente unha hora sen música, dende as 12 da mañá ata ben entrada a madrugada desfrutaremos de grupos tradicionais, charangas, orquestras e demais”

Finalmente, rematou a súa intervención informando que dende a organización tratarase de preparar para o domingo de Oleiro, xunto a Pepe Vaamonde Grupo, o primeiro baile de “mascaritas” da vila de Xinzo dende hai corenta anos, na Praza Maior.